- A empresa subministrou ao ente local outros tantos composteiros de 400 litros, así como manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes.
- A día de hoxe, xa son 427 as entidades adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama (222 concellos, 176 centros educativos e 29 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas preto de 18.000 composteiros.
Cerceda, a 13 de decembro de 2021.- O Concello de Caldas de Reis (Pontevedra) sumouse ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia e fíxoo con 50 vivendas unifamiliares entre as cales repartirá outros tantos composteiros subministados gratuitamente pola empresa pública.
Con capacidade para 400 litros, estes recipientes están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e a súa misión é facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso de autoxestión da materia orgánica.
Adicionalmente, Sogama entregou ao Concello manuais de compostaxe doméstica nos que se explica de forma detallada todas as fases polas que atravesa a fermentación da materia orgánica: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de residuos que deben –e non deben- depositarse neste recipiente, e tamén o control de determinados parámetros que resultan claves para obter un compost de alta calidade: osíxeno, temperatura e humidade.
Dado que a fracción orgánica representa ao redor dun 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta porcentaxe se recicla en orixe e o abono resultante regresa á terra en forma nutriente, propíciase unha notable redución de custos, tanto ambientais como económicos.
Ambientais porque, ao reducir a frecuencia de recollida e transporte da bolsa negra, minóranse as emisións de CO2 á atmosfera; e económicos, porque ao entregar menos cantidade de refugallos a Sogama, o importe da factura a abonar a esta compañía será menor.
Ademais de todo isto, recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
A día de hoxe, xa son 427 as entidades adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama (222 concellos, 176 centros educativos e 29 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, preto de 18.000 composteiros, ademais de impartir a correspondente formación aos usuarios.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación