- Os resultados da caracterización realizada por una empresa externa así o certifica, acreditando deste xeito a gran implicación do concello e a veciñanza na valorización da fracción orgánica contida nos residuos a través da súa conversión en compost.
- Respecto dos impropios (4,74%) corresponden fundamentalmente a algún téxtil e envase (plástico e brik).
- O bo comezo da recollida diferenciada de materia orgánica en Santa Comba a través do contedor marrón, pode servir de incentivo para que outros entes locais se animen a seguir o seu exemplo.
Cerceda, a 10 de decembro de 2021.- A primeira recollida da materia orgánica depositada pola veciñanza de Santa Comba nos contedores marróns foi todo un éxito, tanto pola cantidade, que ascendeu a 280 kilos, como polo propio servizo. Así o acreditan os resultados da caracterización realizada por unha empresa externa na planta de compostaxe industrial de Sogama en Cerceda.
A través desta mostraxe certificouse que o 95,26% dos residuos depositados no quinto contedor correspondían ao mesmo (fracción orgánica e asimilable), detectando tan só un 4,74% de impropios. O motivo foi a aparición dalgún téxtil e envase plástico e de tipo brik, que deberían ter sido introducidos nos contedores de roupa e amarelo respectivamente.
O bo comezo da recollida diferenciada de materia orgánica en Santa Comba pode servir de incentivo para que outros entes locais se animen a seguir o seu exemplo. Así se deixou constancia durante a Semana Europea da Prevención de Residuos 2021, no marco da cal Sogama, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, habilitou un punto informativo atendido por técnicos especializados e a través do cal estes deron conta das boas prácticas a instaurar nos fogares para promover a redución da produción de lixo, a reutilización dos produtos, así como a correcta separación de refugallos en orixe para posibilitar a súa posterior reciclaxe.
Os veciños que se achegaron ao stand da campaña, bautizada co lema “O Marrón, o contedor que devolve vida”, non só tiveron a oportunidade de recibir información, senón tamén de facerse con diversos materiais divulgativos, entre os que figuraban bolsiñas de compost elaborado nas instalacións de Sogama. Deste xeito poideron comprobar o fruto da colaboración da cidadanía co contedor marrón, seguindo os pasos doutros concellos nos que esta iniciativa se desenvolve de forma exitosa como son Carballo, Laracha e Cerceda.
31 DE DECEMBRO DE 2023
Convén recordar que, conforme ás directrices europeas, os concellos galegos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva da fracción orgánica a través do contedor marrón. Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, non estarán sós para enfrontar este novo reto, xa que contarán coa total implicación da Xunta de Galicia, que xa deseñou un mapa de infraestruturas para atender as necesidades de todo o territorio galego.
A rede estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia: a de Cerceda –xa en funcionamento-, así como a de Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense) y 13 plantas de transferencia (adaptadas ou de nova construción), que disporán dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica. Deste xeito, a meirande parte dos municipios adheridos a Sogama contarán cunha planta de compostaxe industrial ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
A posta en marcha e xestión destas instalacións corresponde a Sogama, que realizará un investimento de máis de 38 millóns de euros, procedendo 30 millóns do Fondo de Cohesión como resposta da Unión Europea á crise da Covid.
Saúdos, Departamento de Comunicación