- Felicitación de Nadal de Javier Domínguez Lino, presidente executivo da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA).
Pronto deixaremos atrás un ano que, se ben se presaxiaba nos seus inicios que sería redondo polas súas cifras e expectativas postas no mesmo, o certo é que, mes a mes, a maldita COVID levouse por diante a vida de milleiros e milleiros de compatriotas, feriu profundamente a outros, castigou con toda a súa crudeza as economías de moitos sectores e familias, alterou o noso día a día e sumiunos de forma reiterada nunha tristeza difícil de xestionar pola incerteza dunha crise sen precedentes na historia recente.
Cando botamos a vista atrás e trasladámosnos ao pasado mes de marzo, apénanos o sufrimento que se veu soportando desde entón por parte de determinados colectivos, así como os plans (viaxes, celebracións, vacacións) que se viron empañados ou simplemente truncadospor unha pandemia que non dou tregua.
Ante un Nadal singular no que moitas das tradicións tampouco poderán levarse a cabo, probablemente o sentimento que cobre máis forza é o de deixar 2020 atrás e mirar, cunha emoción contida, a un 2021 no que puxemos a ilusión por regresar á verdadeira normalidade.
Certo é tamén que o coronavirus permitiunos valorar todo aquilo que formaba parte da rutina e que case resultaba insignificante outrora: pasear, gozar da familia, recrearnos en momentos de lecer cos amigos, ir de vacacións, darnos apertas, vernos ascaras, estreitar as mans, …
Sería bo, e diría que ata saudable, vivir con intensidade as pequenas cousas de cada día, cultivar valores de suma importancia tales como a solidariedade, o compromiso, a empatía e a colaboración, e tomar tamén conciencia de que, protexendo o medio ambiente e a natureza, contribuiremos a preservar a nosa saúde e a dos demais, gozando dun maior benestar.
Que non decaia o ánimo e confiemos no futuro.
Os meus mellores desexos para 2021.
Javier Domínguez Lino
Presidente Executivo de Sogama