- A través da súa iniciativa Moda re-, a organización conseguiu destinar a reutilización o 63% das prendas recollidas, dando emprego a 1.136 persoas
- Hoxe, as tendas Moda re- teñen presenza en 79 cidades e na case totalidade de Comunidades Autónomas
- O 100% do residuo téxtil recollido aprovéitase, conseguindo o obxectivo de vertido cero
Cerceda, a 25 de marzo de 2022.- A través dunha rede de 6.509 contedores, Moda re-, a Cooperativa de iniciativa social sen ánimo de lucro impulsada por Cáritas, recolleu en 2021 un total de 40.853.255 quilos de téxtil usado, unha cifra que representa máis do 40% do total recollido en España e que permitiu recuperar os niveis de recollida previos ao comezo da pandemia. Estes datos converten a Moda re- non só no maior operador de España, senón nun dos principais de todo o sur de Europa.
Prevese que, tanto a aplicación dunha nova normativa relativa aos residuos coma o aumento da concienciación cidadá, fará crecer as cifras de recollida, polo que Moda re- está a adaptarse ás novas necesidades cunha ampliación da súa frota de recollidas, introducindo a sensorización en todas as fases do proceso e liderando, xunto aos máis importantes fabricantes españois, o proceso de reciclaxe da roupa que non pode ser reutilizada.
A consolidación do proxecto permitiu, ao longo dd 2021, abrir 28 novas tendas Moda re- e 9 novos córneres nos hipermercados Alcampo, pechando o ano cun total de 160 puntos de venda sociais e solidarios —118 espazos Moda re- e 42 “espazos con Corazón”—.
Hoxe, as tendas Moda re- teñen presenza en 79 cidades e na case totalidade de Comunidades Autónomas.
Ao longo do pasado ano, milleiros de persoas sen recursos adquiriron nas tendas Moda re-, dunha maneira totalmente normalizada e sen ningún custo pola súa banda, 209.000 prendas, ás que se terían que engadir os centos de milleiros de prendas doadas a través da rede de roupeiros de Cáritas.
IMPACTO SOCIOLABORAL
A prioridade de Moda re- é situar á persoa no centro da súa actividade a través da xeración do maior número posible de postos de traballo de inserción e dunha entrega social dignificada.
Así, as cifras do proxecto desvelan que, durante 2021, alcanzouse a cifra de 1.136 postos de traballo, dos cales 603 estaban ocupados por mulleres e o 48% do total estaba reservado a persoas en situación ou risco de exclusión social.
Estes itinerarios sociolaborais permiten á persoa adquirir os coñecementos e experiencia necesarios para poder dar o salto ao mundo laboral normalizado logo de rematar o seu período de inserción en Moda re- —máis do 60% acceden posteriormente a un emprego—. Polo que se refire a este aspecto, e para asegurar o éxito dos seus participantes, Moda re- investiu o pasado ano máis de 50.000 horas en formación e acompañamento individualizado para este colectivo.
O DESTINO DO RECOLLIDO
O 100% do residuo téxtil recollido por Moda re- aprovéitase, conseguindo o obxectivo de vertido cero —nada se deposita en vertedoiros—. En 2021, o 63,33% das prendas clasificadas nas plantas integrais situadas en Barcelona, Bilbao e Valencia, foron reutilizadas. Unha parte delas son doadas e postas á venda en tendas Moda re- co fin de alongar a súa vida útil e así evitar a sobreprodución e o consumo de novos tecidos.
Tamén hai outra parte que se destina a reutilización noutros países. Para isto, a cooperativa participa, entre outros proxectos, en TESS (Téxtiles with Ethical Sustainability and Solidarity), a entidade sen ánimo de lucro creada en 2016 coa visión de buscar a mellor saída ética para a reutilización internacional dos produtos téxtiles.
O ano 2021, representou un paso importante na aposta de Moda re- pola reciclaxe de alto valor engadido, xa que a posta en marcha do sistema FIBERSORT, de clasificación de prendas por composicións, permitiu que Moda re-, en alianza cos grandes operadores do sector téxtil, se situase á cabeza da innovación neste sector.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional