- O alumnado, acompañado pola directora da Cátedra, Marta Rey-García, e outros membros da organización, visitou recentemente o Complexo Medioambiental de Cerceda para adentrarse na súa operativa industrial e xestión
Cerceda, a 27 de marzo de 2024.- Alumnado da Cátedra INDITEX-UDC de Sostibilidade, acompañado pola súa directora, a Catedrática desta mesma Universidade, Marta Rey-García, e outros membros da organización, visitou recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a súa operativa industrial na xestión e tratamento sostibles dos residuos municipais producidos polos 295 concellos galegos adscritos ao seu sistema (máis de 2,2 millóns de habitantes).
Máis aló das cuestións puramente técnicas, a especial sensibilidade ambiental dos integrantes do grupo fixo que, durante a xornada, se tratasen cuestións tales como a elevada produción de lixo e a urxencia de activar mecanismos para diminuílo, desvinculándoo do crecemento económico.
Tamén se abordou a importancia transcendental da colaboración cidadá na recollida selectiva de refugallos para propiciar o seu posterior reciclado, así como a necesaria existencia de infraestruturas axeitadas para complementar o labor do conxunto da sociedade e garantir así que as distintas fraccións de residuos reciben o tratamento oportuno conforme ás súas características. No caso de Sogama, este pasa por garantir a reciclaxe daqueles materiais que poden seguir esta vía, e someter a valorización enerxética a parte non reciclable, evitando que acabe enterrada en vertedoiro debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Ademais da visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense, o colectivo, acompañado por técnicos da compañía, tivo a oportunidade de realizar un percorrido guiado a pé polas mesmas, cualificándoo de moi instructivo e altamente pedagóxico para a concienciación da poboación.
Contribuír á sostibilidade, a innovación e a RSC
Contando co apoio e a coordinación do Consello Social da Universidade da Coruña, a Cátedra INDITEX-UDC de Sostibilidade, tal e como reza no seu sitio web, naceu no seu momento como espazo de reflexión comunitaria, formación académica e investigación aplicada sobre as distintas dimensións da sostibilidade e a responsabilidade e innovación social das administracións públicas, as universidades, as empresas e as entidades non lucrativas. De aí que a súa misión sexa precisamente xerar un ecosistema propicio para a transformación cara á sostibilidade, a innovación e a responsabilidade social das organizacións.
https://www.catedrainditex.com/
Saúdos, Departamento de Comunicación