- Así se recolle no estudo “Hábitos da Poboación Española ante a reciclaxe”, elaborado polo Instituto Catchment para Ecoembes
- En 2021, un ano marcado aínda pola pandemia, cada persoa depositou de media no contedor amarelo 18,8 kg de residuos
- No caso do contedor de papel e cartón, a media depositada ascendeu a 19,3 kg
Cerceda, a 9 de xuño de 2022.- Segundo o estudo “Hábitos da Poboación Española ante a reciclaxe”, elaborado polo Instituto Catchment para Ecoembes, 4 de cada 5 cidadáns, é dicir o 82,9% dos enquisados, declaran ter, de media, 3 cubos, bolsas ou espazos na casa para reciclar, destinando un deles aos envases de plástico, latas e briks, os que van ao contedor amarelo. Esta cifra non deixou de crecer nos últimos anos: en 2015, eran un 72,5% os que afirmaban reciclar a diario.
Este compromiso coa reciclaxe que os cidadáns declaran ter reflíctese nos datos. En 2021, un ano marcado aínda pola pandemia, cada persoa depositou de media 18,8 kg de residuos nun dos 383.508 contedores amarelos que hai distribuídos nas rúas de todo o país, é dicir, unha bolsa cada catro días aproximadamente. No caso do contedor azul, cada cidadán depositou de media 19,3 kg de papel/cartón.
En canto aos residuos que deben introducirse en cada contedor, o 90% dos enquisados din ter claro os do contedor azul. No caso do amarelo, os cidadáns identifican máis claramente con este contedor as botellas de plástico, as tarrinas, as latas e os envoltorios de plástico, mentres que hai outros materiais, como os aerosois e as bandexas de cortiza branca, que tamén deben depositarse neste contedor pero que aínda xeran dúbidas.
INCREMENTO DAS TONELADAS DE ENVASES ENVIADAS AOS RECICLADORES
En 2021 enviáronse a instalacións recicladoras homologadas 1.570.513 toneladas de envases domésticos de plástico, metal, brik, papel e cartón, un 5,3% máis que en 2020.
Por tipo de material, 677.096 toneladas eran envases de plástico; 637.823 eran de papel e cartón; 247.157 toneladas eran envases de aceiro e aluminio, e os8.436 restantes, envases de madeira.
Estas toneladas, que equivalerían aproximadamente a máis de 16.800 millóns de envases, proceden non só dos depositados nos contedores amarelos e azuis por parte dos cidadáns, senón tamén dos que se recolleron nas máis de 500.000 papeleiras e contedores de reciclaxe instalados en oficinas, estacións de transporte, centros deportivos e de lecer, así como a través de máis de 100 máquinas de devolución e recompensa RECICLOS repartidas polo país. Tamén se recuperaron envases das plantas de residuos urbanos, procedentes do contedor de resto.
Así, grazas a estes millóns de envases que se enviaron a reciclar en 2021, evitouse a emisión de 2,05 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, o equivalente ao que emiten as calefaccións de Asturias nun ano. Ademais, aforráronse 20,50 millóns de m3 de auga e 5,27 millóns de MWH de enerxía.
Fonte: FuturEnviro
Imaxe: Ecoembes