- Isto é especialmente relevante dada a crecente discrepancia entre o gran número de novos produtos que se comercializan e o volume de residuos que se dispón moito máis tarde, debido á maior vida útil das baterías das bicicletas eléctricas (normalmente 9 anos).
- Coa quinta categoría MTL de baterías definida polo CCI, unha canle de devolución específica que inclúa ás tendas de deportes e aos distribuidores de bicicletas e patinetes tería beneficios ambientais.
Cerceda, a 26 de outubro de 2021.- Un estudo publicado recentemente polo Centro Común de Investigación (CCI) da Comisión Europea avalía a mellor maneira de identificar unha quinta categoría adicional de baterías -as utilizadas para os medios de transporte lixeiros (MTL), como as bicicletas eléctricas e outros produtos similares- que garanta a súa axeitada recollida e reciclaxe.
É preciso lembrar que a actual Directiva de 2006 identifica tres categorías de baterías. Unha cuarta, para as baterías dos vehículos eléctricos (VE), xa se atopa incluída na proposta lexislativa de decembro de 2020 que están a debater os colexisladores europeos.
Para apoiar este proceso lexislativo en curso, un novo informe do CCI explora a actualización das normas de recollida para garantir a recollida eficiente, segura e xusta dos residuos de baterías dos MTL. Este extremo é especialmente relevante dada a crecente discrepancia entre o gran número de novos produtos que se comercializan e o volume de residuos que se dispón moito máis tarde, debido á maior vida útil das baterías das bicicletas eléctricas (normalmente 9 anos).
A principal conclusión do estudo subliña a necesidade dun obxectivo alternativo para compensar esta discrepancia que leva a desaxustes entre o obxectivo de recollida e o volume dispoñible como residuo ao longo do tempo.
Debido ao desenvolvemento técnico e á redución de custos das cada vez máis versátiles baterías de litio, neste momento non se sabe con certeza cantas novas aplicacións de medios de transporte lixeiros aparecerán no mercado nos próximos anos.
Coa quinta categoría MTL de baterías definida polo CCI, unha canle de devolución específico que inclúa ás tendas de deportes e aos distribuidores de bicicletas e patinetes, tería beneficios ambientais.
Ademais, o estudo suxire que outros requisitos non relacionados coa recollida, como a sustentabilidade, a información e a refabricación, así como a seguridade durante a recollida e a manipulación, poderían adaptarse ás características específicas das baterías de vehículos lixeiros.
OBXECTIVOS BASEADOS NAS CANTIDADES DISPOÑIBLES
O informe do CCI explora a aplicación do método «Dispoñible para a recollida» (AfC, polas súas siglas en inglés), unha alternativa á metodoloxía actual que establece obxectivos de índice de recollida baseados nas cantidades que quedan dispoñibles como residuos.
A principal recomendación é, polo tanto, unha modernización da base dos obxectivos, convertendo o obxectivo baseado na comercialización da proposta lexislativa -que ten en conta as vendas dos tres anos anteriores- nun obxectivo baseado na dispoñibilidade para a recollida, en previsión dos futuros volumes de residuos, moi incertos, tanto para as baterías portátiles como para as de litio.
O estudo referenciado considera factible o desenvolvemento dunha metodoloxía común baseada na dispoñibilidade para a recollida, que ademais reflectiría con maior precisión os volumes de residuos na UE e por Estado membro, baseándose no desenvolvemento específico dos seus mercados nacionais.
A adopción deste enfoque alternativo permitiría ter obxectivos de recollida xa en 2025, no canto de en 2030, e sería máis «constante» en comparación co orixinal baseado na comercialización.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pixabay