- Para isto contará co apoio de Sogama, que se encargou de subministrar os composteiros, así como manuais didácticos para os usuarios.
- Tamén impartirá un curso de formación presencial que terá lugar o vindeiro mércores, 7 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal.
Cerceda, a 2 de outubro de 2020.- Co apoio de Sogama, o Concello de Cedeira (A Coruña) decidiu ampliar o programa de compostaxe doméstica a 30 novos fogares, facendo un total de 140 as vivendas unifamiliares que participan activamente nesta iniciativa.
Do mesmo xeito que en fases anteriores, Sogama subministrou ao ente local, e de forma gratuita, 30 composteiros (con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para que os usuarios poidan poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost e que, ademais, o fagan de forma cómoda e hixiénica.
A fin de obter un abono de alta calidade que cumpra todos os requisitos establecidos pola normativa vixente, as familias adscritas a este programa recibirán manuais didácticos editados por esta empresa pública nos que se detalla a operativa a seguir e dáse resposta ás dúbidas máis frecuentes.
Así mesmo, os veciños participantes recibirán o vindeiro mércores, 7 de outubro, un curso de formación impartido por personal de Sogama. Terá lugar, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal. No mesmo explicarase a técnica de autocompostaxe: desde a propia colocación do composteiro, que debe situarse nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como a necesidade de levar a cabo un minucioso control de parámetros de gran relevancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade, toda vez que influirán en gran medida no resultado final.
Con carácter adicional, os interesados teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que se recolle toda a información sobre este programa, complementada con recursos divulgativos de gran utilidade tales como contidos online, vídeos e xogos.
Será o propio concello o encargado de facer o seguimento desta iniciativa para avaliar a súa acollida e a resposta dos cidadáns.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay