- A misión sobre as cidades recibirá 360 millóns de euros de financiamento de Horizonte Europa para o período 2022-2023, co fin de poñer en marcha os procesos de innovación cara á neutralidade climática de aquí a 2030
- A escala mundial, as zonas urbanas consomen máis do 65 % da enerxía do planeta, o que representa máis do 70 % das emisións de CO2
- A CE convidará ás cen cidades seleccionadas a desenvolver Contratos de cidade polo clima, que incluirán un plan xeral para a neutralidade climática en todos os sectores (enerxía, edificios, xestión de residuos e transporte), xunto cos plans de investimento correspondentes
Cerceda, a 8 de xullo de 2022.- A Comisión anunciou no seu momento as cen urbes da UE que participarán na misión “Cen cidades intelixentes e climaticamente neutras de aquí a 2030”, a chamada misión sobre as cidades.
As cen cidades proceden dos vinte e sete Estados membros, con doce cidades adicionais procedentes de países asociados ou co potencial de asociarse a Horizonte Europa, o programa de investigación e innovación da UE (2021-2027).
O 75 % da cidadanía da UE vive en zonas urbanas. A escala mundial, as zonas urbanas consomen máis do 65 % da enerxía do planeta, o que representa máis do 70 % das emisións de CO2. Polo tanto, é importante que as cidades actúen como ecosistemas de experimentación e innovación para axudar a todos os demais na súa transición cara á neutralidade climática.
A misión sobre as cidades recibirá 360 millóns de euros de financiamento de Horizonte Europa para o período 2022-2023, co fin de poñer en marcha os procesos de innovación cara á neutralidade climática de aquí a 2030. As accións de investigación e innovación abordarán a mobilidade limpa, a eficiencia enerxética e a planificación urbana ecolóxica, e posibilitarán a creación de iniciativas conxuntas e o aumento das colaboracións en sinerxía con outros programas da UE.
Entre os beneficios para as cidades atópanse o asesoramento e a asistencia a medida por parte dunha plataforma de misión específica xestionada por NetZeroCities, oportunidades adicionais de financiamento e a posibilidade de participar en grandes accións de innovación e proxectos piloto. A misión tamén ofrece oportunidades de creación de redes de contactos, o intercambio de mellores prácticas entre cidades e apoio para implicar á cidadanía na misión.
A Comisión convidará ás cen cidades seleccionadas a desenvolver Contratos de cidade polo clima, que incluirán un plan xeral para a neutralidade climática en todos os sectores, como a enerxía, os edificios, a xestión de residuos e o transporte, xunto cos plans de investimento correspondentes. Neste proceso participarán a cidadanía, as organizacións de investigación e o sector privado. Os compromisos claros e visibles asumidos polas cidades permitiranlles colaborar coas autoridades nacionais, rexionais e da UE e, sobre todo, coa súa propia cidadanía para cumprir este ambicioso obxectivo.
Fonte e imaxe: Comisión Europea