- Denominado SEAYOURLITTER, presta especial atención ás novas xeracións de profesionais do sector pesqueiro, así como ás comunidades escolares próximas aos portos.
Cerceda, a 26 de xaneiro de 2021.- A Confederación Española de Pesca (Cepesca) lanzou un programa de sensibilización sobre o impacto do lixo mariño no ecosistema e a contribución do sector pesqueiro á súa solución.
Baixo a denominación “SEAYOURLITTER”, focalízase especialmente nas novas xeracións de profesionais do sector e nas comunidades escolares próximas aos portos. Así mesmo, o programa busca a implicación daquelas flotas que aínda non participan en iniciativas de recollida de residuos no mar.
INFORMACIÓN, FORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN
SEAYOURLITTER celebrará 10 xornadas informativas en escolas náutico-pesqueiras nas que se abordarán cuestións como a descarga de refugallos en terra, a mellora da súa xestión a bordo dos buques, a instalación de puntos limpos nas dársenas pesqueiras ou a reciclaxe de determinados materiais.
Ademais, Cepesca elaborará unha “Guía de sensibilización para profesionais” e organizará tres encontros en colexios próximos a portos pesqueiros en áreas con influencia da Rede Natura 2000 para que o alumnado tome conciencia desta problemática mediante a identificación dos tipos de lixo e os seus tempos de degradación. Estes encontros complementaranse coa convocatoria dun concurso de fotografía e un micro concurso de debuxo infantil centrados nesta problemática.
Igualmente, a Confederación elaborará contidos informativos para dar a coñecer a contribución do sector pesqueiro á preservación da contorna mariña e creará un grupo de traballo que identificará as temáticas de maior interese (tipos de contaminantes, impacto económico do lixo mariño na actividade pesqueira e a sociedade, boas prácticas, etc).
Con SEAYOURLITTER, Cepesca dá continuidade á súa iniciativa ‘Estratexia sectorial para a contribución do sector pesqueiro á redución do lixo mariño‘, primeira estratéxica sectorial de ámbito estatal para o apoio das Estratexias Mariñas.
Desenvolvida en 2018, diagnosticou a contribución do sector pesqueiro á redución de lixo no medio mariño e deseñou un plan de actuación, incluída a incorporación de mecanismos innovadores nas diferentes artes de pesca para a recollida de residuos.
Fonte: CEPESCA
Imaxe: Pexels