- Baixo o acrónimo ‘REDE-USE”, ten por obxecto facilitar o camiño para o cumprimento da directiva europea sobre plásticos dun só uso, impulsar o ecodeseño e definir unha proposta de sistema de xestión dos residuos.
- Contempla tres grandes accións: diagnosticar a situación da problemática asociada á xestión de residuos de redes e artes de pesca; desenvolver un estudo científico/técnico sobre a composición, resistencia e durabilidade das artes seleccionadas; propoñer un sistema de xestión que incorpore a responsabilidade ampliada do produtor.
- Os refugallos asociados á actividade pesqueira en España supoñen unha media do 3% do lixo mariño.
Cerceda, a 1 de febreiro de 2021.- A Confederación Española de Pesca (Cepesca) lanzou recentemente o proxecto REDE-USE co triplo obxectivo de facilitar o camiño no sector pesqueiro español para dar cumprimento á directiva europea sobre plásticos dun só uso (SUP), impulsar o ecodeseño das artes de pesca e definir unha proposta de sistema de xestión para a recollida, tratamento e procesamento sostible dos residuos derivados das artes e aparellos de pesca.
ACCIÓNS
A iniciativa de Cepesca contempla tres grandes accións. En primeiro lugar, o diagnóstico da situación das problemáticas asociadas á xestión destes materiais. Con tal fin, visitará portos do Cantábrico, Atlántico e Mediterráneo para realizar unha caracterización técnica de artes e aparellos segundo tipoloxía, segmentos de flota e representatividade. Inclúe tamén a execución dunha enquisa nacional entre máis de 50 axentes de interese para obter información e elaborar un listado detallado de produtores e comercializadores de artes de pesca.
En segundo lugar, o desenvolvemento dun estudo científico/técnico sobre a composición, resistencia e durabilidaed das artes seleccionadas.
E, en terceiro lugar, a proposta dun sistema de xestión que incorpore a responsabilidade ampliada do produtor, coa participación de todos os axentes implicados na elaboración e recollida das redes e aparellos de pesca.
Con este proxecto, o sector pesqueiro español súmase á loita global contra o lixo mariño e, específicamente, contra a contaminación por plásticos dos océanos.
De acordo coa Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), uns 13 millóns de toneladas de plástico acaban en mares e océanos cada ano, das que un 4,9% corresponden a redes e aparellos de pesca perdidos, desbotados ou abandonados nos fondos mariños.
Así mesmo, e conforme á avaliación 2019 do segundo ciclo de Estratexias Mariñas 2018-2024, os residuos asociados á actividade pesqueira en España supoñen unha media do 3% do lixo mariñs.
‘REDE-USE: Cara a un sistema de xestión responsable de artes de pesca’ desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Fonte: Cepesca
Imaxe: Pexels