- A conselleira Ángeles Vázquez anuncia que hoxe se licita o proxecto básico da futura planta de compostaxe por un importe de case 140.000 euros
- Adianta que se reserva unha parcela de case 8.000m2 deste parque propiedade de Xestur, onde se construirá unha nave de 3.500 m2
- A capacidade de tratamento da planta será de 3.000 toneladas de fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos, coas que se prevé acadar unha produción de 1.500 toneladas anuais de compost de calidade, que se destinará a usos agrícolas
- Sinala que, grazas a este proxecto Galicia, avanza un paso máis cara a transición económica verde
Cervo (Lugo), 28 de decembro de 2020. -A Xunta de Galicia licita hoxe a redacción do proxecto básico para a construción da nova planta de compostaxe no Concello de Cervo. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita ao polígono de Cuíña, onde se localizará a futura planta, para anunciar o inicio do procedemento, coa licitación por case 140.000 euros, IVE incluído, desta instalación ambiental.
Os terreos que albergarán a nova planta -que dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego- suman unha superficie de case 8.000 metros cadrados, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada que implica esta instalación. Tal e como explicou a conselleira, fixouse o lugar no que se ubicará a terceira planta de Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da posta en marcha da de Cerceda, e de anunciar a licitación da segunda, no Concello de Vilanova de Arousa.
A planta de Cervo dará servizo a 15 concellos -principalmente á práctica totalidade dos da comarca da Mariña lucense, xunto co Concello de Mañón, na comarca de Ortegal- e beneficiará a máis de 70.000 habitantes; polo que as vantaxes da súa posta en marcha percibiranse no municipio de Cervo e tamén nas vilas que se sitúan nun radio de 45-50 quilómetros de distancia. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego na zona a entre 8 e 10 persoas.
En canto á capacidade da instalación, a conselleira indicou que poderá tratar ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 toneladas de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 1.500 toneladas anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).
En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Cuíña ascenderá a 5,5 millóns de euros e, como lembrou a conselleira, está previsto construír outra plantas no sur de Ourense, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo en todas as provincias e cubrir a totalidade da Comunidade galega.
MÁIS DE 30 MILLÓNS O VINDEIRO ANO
A conselleira incidiu en que nos orzamentos do seu departamento para 2021 resérvase unha partida de 31,4 millóns de euros para seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia.
Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza- en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2, e outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Grazas a estes investimentos, a conselleira considerou que Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que se contribuirá a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda