- A empresa entregará novas partidas de composteiros a ambos os dous municipios, sumando 181 no caso de Cervo e 82 no do Valadouro
- Tamén se pon ao dispor dos Concellos para impartir sesións formativas orientadas á veciñanza participante nesta iniciativa co fin de explicar pormenorizadamente a técnica a aplicar e resolver todas as dúbidas que os usuarios poidan presentar
Cerceda, a 12 de xullo de 2023.- Os Concellos lucenses de Cervo e O Valadouro amplían os seus respectivos programas de compostaxe doméstica e faranno da man de Sogama, quen enviará 25 recipientes a cada un deles para que poidan estender as prácticas de autocompostaxe a outras tantas familias.
No caso de Cervo, e tendo en conta a subministración doutras partidas anteriores por parte desta entidade pública, serán un total de 181 os fogares que autoxestionen a súa materia orgánica no marco do acordo entre Concello e Sogama e, no caso do Valadouro, pasarán a ser 82.
As vivendas ás que se entreguen estes recipientes, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, deberán contar con terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de valorización dos restos orgánicos mediante a súa transformación nun recurso, neste caso un abono natural con excelentes propiedades nutritivas para o solo, protexéndoo incluso fronte a pragas e enfermidades.
Sogama ponse ao dispor de ambos os dous entes locais para impartir sesións formativas orientadas á veciñanza participante nesta iniciativa a fin de explicar pormenorizadamente a técnica a aplicar e resolver todas as dúbidas que os usuarios poidan presentar. O obxectivo último é que a materia orgánica xerada nos fogares, que representa en torno ao 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se valorice a través da súa conversión en compost e que este cumpra con todos os parámetros esixidos na normativa vixente, pudendo ser utilizado na agricultura e na xardinería con garantías e sen restricións.
Os participantes debe colocar o composteiro no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas e, se é posible, baixo unha árbore de folla caduca. Recoméndase alternar fracción húmida con fracción grosa, remover a mestura periodicamente e controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Máis información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación