- Enmarcado no proxecto OCEANWISE http://www.oceanwise-project.eu , terá lugar na sede deste Centro Tecnolóxico, en Vigo, o próximo 18 de outubro.
- O encontro, que abrirá Paloma Rueda Crespo, Directora Xerente de CETMAR, abordará distintos aspectos vinculados á nova lexislación en materia de plásticos, ao estado da arte relativa a plásticos biodegradables e biocompostables, e ás novidades en materia de investigación e innovación.
- Cabe recordar que un dos obxectivos de OCEANWISE é precisamente promover unha intensa interlocución coas entidades vinculadas á cadea de valor do EPS, identificando novas fórmulas e ideas que contribúan a un incremento do seu reciclado e valorización, o que suporía unha redución dos seus efectos ambientais
Cerceda, a 24 de setembro de 2019.- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza un seminario que, baixo o título “Estado da arte sobre plásticos biodegradables (BIOCOM). Reciclado e valorización de EPS procedentes do sector pesqueiro”, terá lugar o próximo 18 de outubro na súa sede de Vigo.
Enmarcado no proxecto OCEANWISE http://www.oceanwise-project.eu, con esta cita preténdese poñer de relevo as novas esixencias normativas en materia de plásticos, así como a escasa oferta comercial de materiais alternativos aos mesmos, situación á que non escapa o Poliestireno Expandido (EPS). Por iso, a vía da prevención e mellora da súa xestión constitúe unha prioridade, debéndose traballar en novas solucións que conduzan a un notable incremento dos volumes obxecto de valorización que, nestes momentos, se estima están por baixo do 60%.
Así as cousas, o encontro abordará distintos aspectos vinculados á nova lexislación e ao estado da arte relativa a plásticos biodegradables e biocompostables, facéndose eco igualmente das novidades no ámbito da investigación e a innovación en relación a solucións específicas deseñadas a medida da problemática suscitada polos residuos de EPS no sector pesqueiro.
PROGRAMA
A xornada, que se abrirá por parte de Paloma Rueda Crespo, Directora Xerente de CETMAR, contará coas intervencións de Laura García, Técnico de Proxecto deste Centro Tecnolóxico, que realizará unha breve presentación do proxecto OCEANWISE, e de Jordi Simón-Serra, Director Técnico de ASOBIOCOM, quen abordará a temática dos plásticos biodegradables compostables.
Seguiralle Ángel Martínez León, Responsable de I+D+i en ACTECO, para explicar os pormenores do proxecto EEA-Grants sobre reciclado e valorización de residuos de EPS procedentes do sector pesqueiro, mentres que Raquel López de la Banda, Xerente de ANAPE, fará o propio en relación ao Proxecto Life sobre Innovación en reciclado de plásticos: “da caixa de peixe ao envase alimentario”.
A secuencia de intervencións concluirá coas achegas de Rebeca Arnedo Lasheras, de SUSTAINN, para profundar nas novas tendencias lexislativas en relación ao plástico.
Cabe recordar que un dos obxectivos de OCEANWISE é precisamente promover unha intensa interlocución coas empresas e entidades vinculadas á xestión do EPS na procura de solucións factibles que poidan realmente mellorar a xestión e reciclaxe do EPS, así como a súa posterior valorización, todo isto co fin último de reducir substancialmente os seus efectos ambientais.
Toda a información en www.cetmar.org/seminarios/biocom
Saúdos, Departamento de Comunicación