- Enmarcado no proxecto europeo OCEANWISE, cuxo obxectivo é desenvolver un paquete de medidas para minimizar o impacto deste material no medio mariño, terá lugar o próximo 14 de marzo baixo o título “Como encaixan os plásticos a base de espuma EPS/XPS nunha economía circular?”
- No mesmo daranse cita empresas fabricantes e de valorización de EPS/XPS, entidades de xestión de áreas portuarias e compañías de xestión de residuos como é o caso de Sogama, que estará representada polo seu director xeral, Isidro García Téllez.
- OCEANWISE pretende dar resposta aos obxectivos establecidos na Estratexia Europea para o Plástico, prioridade no Plan de Acción de Economía Circular, constituíndo o primeiro marco político a escala europea que adopta un enfoque baseado no ciclo de vida dos materiais para integrar actividades circulares de deseño, uso, reutilización e reciclaxe nas cadeas de valor dos plásticos.
Cerceda, a 11 de marzo de 2019.- O vindeiro xoves , 14 de marzo, a sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR de Vigo acollerá a realización dun workshop que se centrará especificamente na xestión e valorización do poliestireno expandido EPS e XPS.
Enmarcado no proxecto europeo OCEANWISE, e baixo o título “Como encaixan os plásticos a base de espuma EPS/XPS nunha economía circular?”, o taller reunirá a algúns dos principais actores da cadea de produción e xestión do poliestireno expandido. É o caso de empresas fabricantes e de valorización deste material; SOGAPOL, Sociedade Galega de Polímeros; Autoridades Portuarias de Vigo e Marín; Portos de Galicia; e compañías xestoras de residuos como a Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), que estará representada polo seu director xeral, Isidro García Téllez.
Cun novidoso formato de comunicación no que cada participante expresará as súas iniciativas, ideas e opinións en torno á mellor xestión do EPS/XPS para reducir o seu impacto ambiental e incrementar a súa valorización, intentarase recoller as achegas de todos eles.
OCEANWISE E A LOITA CONTRA O LIXO MARIÑO
Trátase dun proxecto europeo a través do cal se pretende desenvolver, desde a colaboración e o traballo conxunto, un paquete de medidas para reducir o impacto que produtos con base de Poliestireno Expandido e Extrusionado (EPS/XPS) teñen no medio mariño, e máis concretamente no Océano Atlántico Nordeste, unha vez convertidos en residuos.
É por isto que o equipo do proxecto traballará estreitamente cos grupos de interese identificados, é dicir, cos produtores de EPS e XPS, cos deseñadores de produtos que precisan estes compoñentes nas súas industrias e usos diarios, cos xestores de residuos, cos compradores de produtos fabricados con poliestireno expandido e cos investigadores que traballan con EPS/XPES desde un enfoque de lixo mariño, xerando recomendacións de utilidade para as políticas públicas e dando conta de novas e mellores prácticas en relación á fabricación, o uso, a recollida, a reciclaxe e a valorización deste material.
A pretensión é abordar o ciclo de vida dos produtos con base EPS/XPS para evitar que acaben no mar, contemplando igualmente o estudo e avaliación de materiais alternativos que sexan máis sostibles desde o punto de vista ambiental e económico.
Neste sentido, é preciso recordar que un recente informe da Comisión Europea no que se fai balance da aplicación do Plan de Acción de Economía Circular, poñía especial énfase na importancia da Estratexia para o Plástico, constituíndo esta o primeiro marco político a escala europea que adopta un enfoque baseado no ciclo de vida dos materiais para integrar actividades circulares de deseño, uso, reutilización e reciclaxe nas cadeas de valor dos plásticos. Máis información en www.oceanwise-project.eu
SOBRE CETMAR
É unha Fundación pública creada no seu momento a iniciativa da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación que traballa pola mellora do medio mariño, dos seus recursos e de todos os sectores que viven del, fomentando a innovación e a sostibilidade ambiental, social e económica.
Saúdos, Departamento de Comunicación