- Do 6 ao 8 de marzo, Donostia acollerá esta Conferencia Internacional de Cambio Climático, enmarcada á súa vez na iniciativa de Nacións Unidas “Momentum for Change”, onde se darán cita 50 dos mellores especialistas na materia a nivel internacional.
- Na mesma abordaranse os oito eixes estratéxicos da loita fronte ao que xa se pode denominar o maior reto ambiental de nosa era, isto é, a saúde do planeta, o papel das rexións, a contorna urbana, a sostibilidade, a transición enerxética, a economía, a educación, cultura e sociedade, e o liderado das mulleres.
Cerceda, a 29 de xaneiro de 2019.- Aínda que con distintas opinións e interpretacións, a COP 24 celebrada en Katowice (Polonia) pechouse co compromiso de activar a acción climática e reactivar o Acordo de París. Neste marco, os expertos coinciden na urxencia de adoptar medidas para facer fronte ao cambio climático e diminuír a pegada ecolóxica, un compromiso que vai máis aló de limitar o aumento da temperatura da Terra aos 1,5ºC. Cada acción, por pequena que sexa, conta.
E con este espírito, Donostia acollerá o próximo mes de marzo (entre os días 6 e 8) a Conferencia Internacional de Cambio Climático Change the Change, na que se darán cita 50 dos mellores especialistas na materia a nivel internacional.
Enmarcada na iniciativa de Nacións Unidas “Momentum for Change”, trasladará unha visión vangardista sobre as transformacións que deben ter lugar fronte ao cambio climático, abordando os oito eixes estratéxicos, isto é, a saúde do planeta, o papel das rexións, a contorna urbana, a sostibilidade, a transición enerxética, a economía, a educación, cultura e sociedade, e o liderado das mulleres.
CONTIDOS
Dentro da sección dedicada á saúde do planeta, na que se dará conta da ciencia para a acción fronte ao cambio climático, contarase coas achegas de personalidades da talla de Manola Brunet, Presidenta da Comisión de Climatoloxía da Organización Meteorolóxica Mundial; Alejandro Cearreta, Doutor en Xeoloxía e profesor de Micropaleontoloxía na Universidade do País Vasco; Iñigo Losada, Director de investigación do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria; José Manuel Moreno Rodríguez, Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Castilla-La Mancha; e Mª José Sanz, Directora científica de Basque Center for Climate Change BC3.
Xa desde unha dimensión rexional, participará Raffaele Cattaneo, Ministro de Medio Ambiente e Cambio Climático de Lombardía (Italia); Franz Untersteller, Ministro de Medio Ambiente, Protección do Clima e Enerxía da Rexión de Baden-Wütterberg de Alemaña; Natalia Vera, Secretaria Xeral da Rede de Gobernos Rexionais polo Desenvolvemento Sostible nrg4SD; e José Ignacio Asensio, en calidade de anfitrión, Deputado de Medio Ambiente e Obras Hidráulicas da Deputación Foral de Guipuzkoa (Euskadi).
No ámbito da economía, cabería mencionar a Antoni Ballabriga, Director global de Negocio Responsable de BBVA; Isabel Fernández-Niemann, Directora de banca maiorista, ING; Víctor Viñuales, Director Executivo da Fundación Ecodes; e, no de educación, cultura e sociedade, á meteoróloga Mar Gómez e Manuel Pulgar-Vidal, ex ministro de Ambiente de Perú e actual líder global de Clima e Enerxía de WWF Internacional.
Fonte e imaxe: https://www.changethechange.eus/es
Saúdos, Departamento de Comunicación