- Organizado por CLUERGAL (Clúster de Enerxías Renovables de Galicia), celebrarase entre os días 4 e 6 na Cidade da Cultura (Edificio CINC)
- Relatores de alto nivel darán a coñecer as principais novidades en seis eixos: enerxía, sostibilidade, iluminación, mobilidade, parques e infraestruturas
- O evento complementarase cunha zona de exposición de equipamentos e produtos relacionados coas temáticas a abordar e a entrega de diversos premios, ademais doutras iniciativas
Cerceda, a 21 de setembro de 2023.- Tralo éxito colleitado na primeira edición, celebrada no Círculo de Empresarios de Vigo, o Simposium Urban Solutions regresa con novidades e propostas, tendo lugar este ano na Cidade da Cultura (Edificio CINC) de Santiago de Compostela durante os próximos días 4, 5 e 6 de outubro.
Enerxía, sostibilidade, iluminación, mobilidade, parques e infraestruturas serán os principais eixos temáticos sobre os que virarán os relatorios e debates de numerosos expertos de alto nivel, os cales, coas súas achegas, configurarán, a través de sectores que se manteñen á vangarda do desenvolvemento e a innovación, a que será a cidade do futuro: eficiente, sostible, verde e humanizada.
Non en van, durante os últimos anos as solucións relacionadas coas cidades foron adquirindo maior relevancia na conciencia dos dirixentes e tamén na folla de roteiro de fabricantes, enxeñerías e empresas de servizos.
E todo isto complementado cunha zona para a exposición de equipamentos e produtos relacionados coas temáticas abordadas no evento.
Así mesmo, e non menos importante, cabe destacar o compoñente de networking que se realizará a través de cafés, xantares, ceas, visitas e entregas de diversos premios, como é o caso de Parques Urbanos e Iluminación 2023, ademais doutras iniciativas que complementarán un ambicioso programa no que terán cabida todos os ingredientes das urbes que habitarán as próximas xeracións.
Toda a información en www.urbansimposium.com
Sobre CLUERGAL
O Clúster de Enerxías Renovables de Galicia naceu en novembro de 2010, promovido inicialmente polas empresas de compoñentes e servizos vinculados ao sector enerxético de Galicia.
Actualmente, é unha organización aberta e multidisciplinar que agrupa a tecnólogos, promotores, distribuidores e, en xeral, a empresas e entidades de toda a cadea de valor do sector das enerxías renovables e convencionais. A día de hoxe conta con 83 membros de toda a xeografía galega.
Saúdos cordiais,