- Expertos internacionais presentaron dez ideas esenciais sobre o cambio climático desde 2021 e un dos puntos crave foi o dos límites da humanidade para adaptarse aos impactos inevitables do cambio climático, que inclúen secas, tormentas e inundacións cada vez máis frecuentes e severas
- O informe 10 New Insights in Climate Science presenta as ideas máis salientables das últimas investigacións relacionadas co cambio climático dese ano e responde ás claras peticións de orientación política durante esta década crítica
Cerceda, a 15 de novembro de 2022.– Unha serie de expertos internacionais en ciencias naturais e sociais presentaron na COP27 de Sharm o Sheij (Exipto) dez ideas esenciais sobre o cambio climático desde 2021. Un dos puntos crave foi o dos límites da humanidade para adaptarse aos impactos inevitables do cambio climático, que inclúen secas, tormentas e inundacións cada vez máis frecuentes e severas.
O informe 10 New Insights in Climate Science (10 novas reflexións na ciencia climática) presenta as ideas máis salientables das últimas investigacións relacionadas co cambio climático dese ano e responde ás claras peticións de orientación política durante esta década crítica.
O informe foi presentado polas redes internacionais Future Earth, The Earth League e World Climate Research Programme.
O acto de presentación contou coa presenza do Secretario Executivo de ONU Cambio Climático, Simon Stiell, quen declarou: "A ciencia proporciona as probas e os datos sobre os impactos do cambio climático, pero tamén nos dá as ferramentas e os coñecementos sobre como temos que abordalo. Como deixou moi claro a Presidencia exipcia da COP27, agora estamos claramente na era da implementación, e iso significa acción. Pero nada disto pode suceder sen datos, sen probas que informen as decisións, ou a ciencia que apoie os programas e as políticas".
No informe de síntese, científicos de todo o mundo destacan e debullan as complexas interaccións entre o cambio climático e outros factores de risco como os conflitos, as pandemias, as crises alimentarias e os retos de desenvolvemento subxacentes. Os científicos constatan que o potencial de adaptación ao cambio climático non é ilimitado.
O aumento do nivel do mar, capaz de mergullar ás comunidades costeiras enteiras, e a calor extrema, intolerable para o corpo humano, son exemplos de límites "duros" á nosa capacidade de adaptación. Tamén destacan que máis de 3 000 millóns de persoas vivirán en "puntos quentes de vulnerabilidade", é dicir, zonas coa maior susceptibilidade de verse afectadas negativamente polos perigos derivados do clima, en 2050, o dobre que na actualidade.
"A adaptación por si soa non pode facer fronte aos impactos do cambio climático, que xa son peores do previsto", dixo Stiell.
Os científicos sinalan ademais que a persistente dependencia dos combustibles fósiles agrava as principais vulnerabilidades, sobre todo no que respecta á seguridade enerxética e alimentaria, e que é necesaria unha mitigación forte e rápida para facer fronte aos motores do cambio climático, a fin de evitar e minimizar as perdas e os danos futuros.
"Canto menos mitiguemos, máis deberemos adaptarnos. Polo tanto, investir en mitigación é unha forma de reducir a necesidade de investir en adaptación e resiliencia. Iso significa presentar plans nacionais de acción climática máis sólidos, e facelo agora", dixo Stiell.
O profesor Johan Rockström, copresidente da liga pola Terra, a Comisión da Terra e director do Instituto de Potsdam para a Investigación do Impacto Climático, dixo: "A medida que a ciencia avanza, temos máis probas dos enormes custos e riscos, pero tamén dos beneficios globais da redución de perdas e danos, mediante unha aterraxe segura e ordenada do mundo dentro do rango climático de París. Para ter éxito requírese unha colaboración global e unha velocidade a unha escala sen precedentes".
A temáticas clave que se abordan no informe son as seguintes:
1. Cuestionar o mito da adaptación infinita.
2. Os focos de vulnerabilidade agrúpanse en "rexións de risco”.
3. Novas ameazas no horizonte polas interaccións entre o clima e a saúde.
4. Mobilidade climática: da evidencia á acción anticipada.
5. A seguridade humana require seguridade climática.
6. O uso sostible da terra é esencial para alcanzar os obxectivos climáticos.
7. As prácticas financeiras sostibles privadas non están a conseguir acelerar as transicións radicais.
8. Perdas e danos: o imperativo planetario urxente.
9. Toma de decisións inclusiva para un desenvolvemento resiliente ao clima.
10. Romper as barreiras estruturais e os bloqueos insostibles.
Fonte: ONU Cambio Climático