- O grupo percorreu as instalacións polas que transcorren os residuos (bolsa amarela e bolsa negra) para recibir o oportuno tratamento
- Cunha dobre orientación, investigadora e profesional, o obxectivo deste máster é capacitar a futuros técnicos para poder integrarse nun grupo de investigación ou incorporarse a unha empresa do campo das enerxías renovables e a sostibilidade, tendo en conta o complexo marco do cambio climático
Cerceda, a 19 de abril de 2023.- Estudantes do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da USC, xunto co coordinador do mesmo, o Prof. Dr. José Antonio Rodríguez Añón, realizaron unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para ter un coñecemento máis preciso e práctico da xestión sostible dos residuos municipais.
Acompañados por persoal desta empresa pública, percorreron as instalacións polas que transcorre o residuo para recibir o oportuno tratamento.
No caso da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), os materiais que a integran son separados mecanicamente por tipoloxías nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores, onde se converten en novos produtos.
Pola súa banda, a bolsa negra (fracción resto) sométese a unha selección automática por tamaños, conseguindo separar da mesma os residuos susceptibles de ser reciclados e elaborando co resto un combustible CDR para producir enerxía eléctrica 50% renovable.
ORIENTACIÓN INVESTIGADORA E PROFESIONAL
Cunha dobre orientación, investigadora e profesional, o obxectivo deste máster é capacitar a futuros técnicos para poder integrarse nun grupo de investigación ou incorporarse a unha empresa do sector. Tamén para planificar, deseñar, proxectar, xestionar e explotar solucións enerxéticas sostibles dentro dun proceso de transición xusta, así como para coñecer de forma global as solucións enerxéticas renovables e entender os factores sociais, xurídicos e económicos que interveñen na implantación das enerxías renovables no marco da sostibilidade e do cambio climático.
Igualmente, dótaselles das competencias necesarias para emitir certificacións de eficiencia enerxética en todo tipo de instalacións e desenvolver proxectos no ámbito do Green Deal.
Saúdos, Departamento de Comunicación