- 1,5 graos: Un blog para a acción climática, presentará historias de protagonistas como equipos de fútbol, marcas de moda, o mundo dos mozos, as ONG ou cidades que toman medidas climáticas, e abordará unha variedade de temas en múltiples formatos.
Cerceda, a 9 de abril de 2021.- ONU Cambio Climático lanzou un novo blog, 1,5 graos: Un blog para a acción climática, a través do cal se destacará a acción climática que se está a levar a cabo en todo o mundo.
Para apoiar a aplicación do Acordo de París, o blog presentará historias de protagonistas como equipos de fútbol, as marcas de moda, o mundo dos mozos, as ONG ou cidades que toman medidas climáticas, e abordará unha variedade de temas en múltiples formatos tales como entrevistas, análises, vídeos ou perfís.
Esta plataforma pretende ser atractiva e accesible para que se converta nun fogar de información fiable sobre a acción climática e, aínda que o idioma principal será o inglés, tamén conterá de forma esporádica artigos en español, francés ou ruso.
A Secretaria Executiva de ONU Cambio Climático, Patricia Espinosa, manifestou ao respecto que "A historia do cambio climático non pode contarse unicamente con cifras, estatísticas e datos científicos", engadindo que "No fondo, o cambio climático ten que ver coas persoas; coa forma en que as comunidades, as familias e as vidas se viron afectadas por el, e coa resiliencia, a forza e as solucións que moitos crearon para facerlle fronte. Este blog proporciona un punto de encontro, un foro onde exploraremos esta complexa e fascinante mestura de historias co propósito final de inspirar compaixón, compartir experiencias, motivar o cambio e impulsar a acción climática transformadora que debemos ver a escala global."
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels