- Así o expresou en Radio Voz Galicia o director do Consorcio de Residuos do Maresme, Carles Salesa, quen describiu os pormenores deste proxecto, singular e pioneiro en Europa, creado co obxectivo de promover a economía circular e a redución da produción de residuos
- O Parque aglutinará espazos de diversa índole tales coma o de autorreparación, o de preparación para a reutilización, o de loita contra o desperdicio alimentario ou o de hortas sociais, entre outras
Cerceda, a 18 de maio de 2022.- Nunha entrevista concedida ao programa “ Ecovoz”, impulsado pola cadea Radio Voz Galicia, o director do Consorcio de Residuos do Maresme, Carles Salesa, explicou como fai cinco anos acometeron un cambio estratéxico, sen deixar de lado a actividade de tratamento de residuos que viñan realizando, para enfrontar novos retos e tentar de incidir no que ocorre antes de que un produto se converta en residuo.
O proxecto que aglutina este cambio estratéxico é o Parque Circular Mataró- Maresme ao que Salesa se referiu como unha especie de “Frankenstein das cousas”, tal e como o definen de forma interna e coloquial. Trátase dun proxecto pioneiro e singular en Europa, promovido polo propio Consorcio, cuxo obxectivo é impulsar a economía circular e a redución da produción de residuos.
O Parque Circular, tal e como explicou Salesa, inclúe nun mesmo ecosistema actividades de diferente tipoloxía: desde as propiamente orientadas á cidadanía e as dedicadas á industria e empresa privada, ata outras máis vinculadas ao ámbito académico, a investigación e a innovación.
Sen deixar de lado o seu principal labor, que é precisamente dar un tratamento sostible aos residuos urbanos producidos por un millón de habitantes, o Consorcio de Residuos do Maresme, creado en 1985, propúxose un cambio de estratexia, asumindo novos retos acordes cos novos tempos. A súa pretensión é influír en dúas áreas craves como son a cadea de produción e consumo.
ESTRUTURA
Con tal fin, o Parque contará cun espazo denominado “Refacer” e dedicado á cidadanía no ámbito específico da redución, a reutilización e a reparación, prestando especial atención a aqueles comportamentos que podemos adoptar para non xerar residuos. Aquí cobrarán especial protagonismo os talleres de asesoramento para a autorreparación de distintos materiais (téxtiles, electrodomésticos, etc).
Ao respecto, o director do Consorcio de Residuos do Maresme puxo como exemplo prácticas habituais na nosa vida cotiá como son tirar ao cubo do lixo unha camisa á que lle falta un botón ou un pantalón ao que se lle estragou a cremalleira; malos hábitos promovidos fundamentalmente polo baixo prezo da moda.
Tamén se habilitará un espazo de preparación para a reutilización de materiais voluminosos que se comercializarán nunha tenda de segunda man, xunto con outros que se captarán dos puntos verdes da comarca.
A biblioteca das cousas é outro dos ámbitos de actuación. Ten o mesmo concepto que unha biblioteca de libros, pero con obxectos que utilizamos moi puntualmente. O motivo, tal e como indicou Carles Salesa, é que somos vítimas do “polo se acaso”. Todos compramos cousas que non utilizamos xamais ou en ocasións moi contadas e, durante todos os anos nos que as temos en casa, tan só lles damos uns minutos de vida. Este espazo permite precisamente o alugueiro puntual de obxectos desta tipoloxía.
Estes espazos compleméntanse con outros servizos tales como o alugueiro de vaixela reutilizable, evitando desta forma o plástico dun só uso; o da loita contra o desperdicio alimentario, mediante a cociña de aproveitamento; así como o de hortas sociais, a través do cal se fomenta a cultura de “faino ti mesmo”.
DO PÚBLICO AO PRIVADO
O espazo “Refacer” formaría parte da primeira fase do Parque ou Fase pública de servizos á cidadanía. A continuación, virán outras fases de iniciativa privada e relacionadas con actividades industriais, pero que incorporen un valor engadido á circularidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación