- A través da valorización de residuos e a súa conversión en recursos, a entidade pública aspira a ser un actor relevante na transformación de Galicia cara a unha economía próspera, moderna, competitiva, descarbonizada e respectuosa co medio ambiente, que preserve ao mesmo tempo a saúde dos cidadáns e que mellore o seu benestar e calidade de vida
- O seu marco de referencia son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, o Acordo de París, o Pacto Verde Europeo e, por suposto, a normativa europea, estatal e autonómica que rexe a súa actividade
Cerceda, a 11 de marzo de 2023.- Transcorridas tres décadas desde a súa creación, e logo de pechar unha serie de etapas que lle permitiron consolidarse como unha das empresas das súas características máis modernas de Europa e do mundo, Sogama é consciente de que debe evolucionar e adaptarse aos sucesivos cambios esixidos por un modelo de desenvolvemento que ten como epicentro a economía circular.
É por iso que, ante un novo cambio de era, e tomando como referencia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, o Acordo de París, o Pacto Verde Europeo (cuxa prioridade é conseguir que Europa sexa climaticamente neutra para o ano 2050) e, por suposto, a normativa europea, estatal e autonómica que rexe a súa actividade, a Sociedade Galega do Medio Ambiente iniciou un profundo e exhaustivo traballo encamiñado cara ao deseño e a elaboración dun novo plan estratéxico a materializar no período 2024-2030, pretendendo dar un gran paso cara á sostibilidade, entendida como o equilibrio entre a protección ambiental, o crecemento económico e a cohesión social. Con isto quere pasar de ser unha empresa de tratamento de residuos a ser unha empresa xeradora de recursos.
Neste marco, decidiu poñer en marcha un exercicio de revisión, de planificación e de actualización estratéxica que lle permita anticiparse, estar á vangarda e contribuír á transición da comunidade galega cara a unha verdadeira economía circular na que os produtos permanezan o maior tempo posible na economía e, unha vez esgotada a súa vida útil, se convertan en novas materias primas e se reincorporen ao circuíto comercial.
A través da valorización de residuos e a súa conversión en recursos, Sogama aspira a ser un actor relevante na transformación de Galicia cara a unha economía próspera, moderna, competitiva, descarbonizada, eficiente no uso dos recursos e respectuosa co medio ambiente, que preserve ao mesmo tempo a saúde dos cidadáns e, por suposto, que mellore o seu benestar e calidade de vida.
UN TRABALLO PLURAL E INTEGRADOR
Para a elaboración do novo plan estratéxico, Sogama quere contar coa visión de expertos e técnicos do sector ambiental, enerxético e económico, sen perder de vista as achegas dos seus grupos de interese, especialmente con aqueles cos que interactúa de forma permanente, como é o caso de provedores, contratistas, traballadores, concellos, ademais doutros colectivos sociais aos que presta un servizo público considerado básico e esencial.
Con obxecto de adiantarse á nova realidade, Sogama contempla unha renovación da súa visión e misión, así como dos seus obxectivos. O plan estará marcado por liñas mestras tales como ser referentes en valorización de residuos e economía circular, cumprimento dos obxectivos europeos, adopción do enfoque de simbiose industrial, descarbonización de procesos, eficiencia enerxética, minimización de impactos ambientais, dixitalización, ESG,e desenvolvemento de talento.
En definitiva, trátase dun novo plan que emerxerá dunha profunda e exhaustiva análise da realidade de Sogama nas súas diferentes facetas e as proxeccións de futuro conforme ás liñas operativas que marcarán o futuro de Europa.
Saúdos, Departamento de Comunicación