- A clasificación de residuos en orixe e o contedor de destino para cada tipoloxía, acapara unha boa parte das consultas realizadas polos visitantes, do mesmo xeito que o potencial enerxético de Sogama
- Con todo, a temática estrela é o programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama en Galicia, solicitando, tanto representantes de entes locais como de centros educativos, información sobre o protocolo de adhesión a esta iniciativa ao considerala unha oportunidade para previr e reducir a xeración de residuos
Cerceda, a 12 de abril de 2024.- Onte arrincou a Feira Enerxétika 2024 no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra) e, ao longo da xornada, integrantes de distintos colectivos sociais pasaron polo stand corporativo de Sogama para interesarse pola actividade da Sociedade desde a dimensión industrial, pero tamén desde a educativa e social.
Recollida selectiva, compostaxe e concienciación social
A clasificación de residuos en orixe e o contedor de destino para cada tipoloxía, acapara unha boa parte das consultas realizadas polos visitantes, do mesmo xeito que o potencial enerxético de Sogama, xa que, a partir da fracción non reciclable contida nos refugallos, esta empresa pública elabora un combustible CDR que valoriza nunha planta termoeléctrica, producindo electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Con todo, a temática estrela da xornada é o programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama en Galicia, no marco do cal a entidade xa repartiu, de forma gratuíta, preto de 22.000 composteiros entre concellos, colexios e colectivos sociais, ademais de impartir formación presencial na materia. De feito, representantes de entes locais e centros educativos solicitaron información sobre o protocolo de adhesión a esta iniciativa, destacando a gran oportunidade que esta representa como medida para previr e reducir a xeración de residuos, xa que a parte orgánica recupérase nas propias vivendas mediante a súa conversión un compost, un abono natural que regresa á terra en forma de fertilizante.
Noutros casos, os visitantes da feira achegáronse á caseta de Sogama para compartir con persoal da compañía as súas reflexións sobre a necesaria colaboración da poboación no sistema e a importancia que teñen as campañas de formación e concienciación para que cada vez sexan máis os cidadáns que se somen á xestión sostible dos residuos mediante a aplicación diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Tanto a directora xeral de Administración Local en funcións da Xunta de Galicia, Natalia Prieto, coma o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais en funcións, Pablo Fernández Vila, que formaban parte da comitiva inaugural do evento, acompañados polo director da Feira, Ricardo Durán, tamén se achegaron onte ao stand de Sogama para coñecer as novidades vinculadas ao seu modelo de xestión.
A Feira chegará á súa fin mañá, 13 de abril.
Saúdos, Departamento de Comunicación