- Baixo a dirección do Prof Dr Francisco Peña Castiñeira, terá lugar do 26 ao 28 de marzo (os dous primeiros días na localidade de Cambados e o terceiro en Sanxenxo).
- O programa estrutúrase en catro sesións plenarias, aglutinando a participación de máis dunha trintena de relatores de alto nivel, entre os que se atopa o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.
- A transición enerxética e a loita contra o cambio climático, a economía circular, o desenvolvemento sostible da ría de Arousa, o patrimonio natural e o turismo, entre as temáticas a abordar.
- A mensaxe de clausura por videoconferencia virá da man do Prof. Dr. Federico Mayor Zaragoza, cun claro apoio á candidatura de “Cíes-Illas Atlánticas a patrimonio mundial da Humanidade”.
- O congreso complementarase cunha serie de actividades prácticas tales como a Ruta do Viño Rías Baixas, a viaxe en catamarán pola ría de Arousa e a Ruta de Turismo Verde pola comarca do Salnés.
Cerceda, a 25 de febreiro de 2019.- A comarca do Salnés acollerá, do 26 ao 28 de marzo, o VIII Congreso Galego de Medio Ambiente, Saúde e Turismo Sostible. Baixo a dirección do Prof. Dr. Francisco Pena Castiñeira, celebrarase os días 26 e 27 na localidade de Cambados, trasladándose o 28 a Sanxenxo.
Máis dunha trintena de relatores de alto nivel, entre os que se atopa o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, formarán parte dun ambicioso programa no que se abordarán diferentes temáticas ambientais distribuídas en catro sesións plenarias.
EN CLAVE CIRCULAR
Tralo acto inaugural, a primeira sesión, que moderará o Prof. Dr. Eleuterio Martínez Alcántara, Académico, Científico e Catedrático da Universidade Autónoma de Santo Domingo, centrarase na transición enerxética e a loita contra o cambio climático, contando para isto coa intervención da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Cruz Ferreira Costa, ademais doutros cargos tales como o presidente honorario da Sociedade Española de Sanidade Ambiental, José Vicente Martí; o subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde da Xunta de Galicia, Anxo Gómez Amorín; o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva Castaño; e o Prof. Dr. Francisco de la Peña Fernández-Garnelo, fundador e presidente de Alfaz Energy.
A segunda sesión da xornada abordará o futuro do medio ambiente nun marco de economía circular e nutrirase coas achegas, entre outros, da subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Verónica Tellado; o propio presidente de Sogama, Javier Domínguez; e o vicepresidente primeiro da Fegamp, ademais de alcalde de Cervo e presidente da Comisión de Medio Ambiente da FEMP, Alfonso Villares Bermúdez.
A Ría de Arousa erixirase na protagonista do día 27, cunha sesión dedicada ás propostas de mellora no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura para contribuír ao desenvolvemento sostible desta zona. Con tal fin, formarán parte da correspondente sesión plenaria expertos tales como o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan M. Vieites Baptista de Sousa; o profesor de investigación do Instituto Español de Oceanografía-Centro Oceanográfico de Vigo, Juan Bellas Bereijo; o xerente de Augas de Galicia da Xunta de Galicia, Gonzalo Mosqueira Martínez; e a xirectora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Consellería do Mar, Covadonga Salgado Blanco.
O patrimonio natural galego e o turismo sostible concentrarán a atención da última xornada a fin de desgranar as potencialidades da comarca do Salnés como destino de excelencia turística e a súa contribución á marca Galicia. O broche poñerao o director xerente de SA Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen falará do Camiño de Santiago e a contribución da ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla ata enlazar co camiño portugués.
RUTAS DE RECREO
O congreso complementarase cunha serie de actividades prácticas tales como a Ruta do Viño Rías Baixas, viaxe en catamarán pola ría de Arousa e a Ruta de Turismo Verde “Árbores Monumentais e Senlleiras” pola comarca do Salnés.
A mensaxe de clausura por videoconferencia virá da man do Prof. Dr. Federico Maior Zaragoza, cun claro apoio á candidatura de “Cíes-Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Humanidade”, recoñecemento que outorga ONU para a Educación, a Ciencia e a Cultura –UNESCO- a lugares que teñen un valor universal excepcional.
Máis información en www.medioambienteysalud.com e info@medioambienteysalud.com
A data límite para formalizar a inscrición conclúe o 22 de marzo, ás 14:00 horas.
Saúdos, Departamento de Comunicación