- Estenderase ata finais de mes e o seu obxectivo é comprobar o desenvolvemento e correcta execución dos proxectos de reciclaxe, resolver dúbidas e, no seu caso, prestar asesoramento para corrixir posibles desviacións.
- Esta nova actuación ten lugar despois de que, o pasado mes de xaneiro, os monitores de Sogama levasen a cabo senllas xornadas formativas nos distintos colexios sobre xestión sostible dos residuos urbanos, complementadas con diversos recursos didácticos e divulgativos.
- Cabe recordar que “Recíclate con Sogama” é un programa educativo que se xestou fai sete anos co obxectivo de instaurar a reciclaxe nas aulas e trasladar ao alumnado as boas prácticas ambientais vinculadas ao principio europeo dos tres erres: Redución, Reutilización e Reciclaxe.
Cerceda, a 8 de marzo de 2019.- Superado xa o ecuador do presente curso académico, os educadores ao servizo desta empresa pública comezarán en breve a segunda visita de seguimento aos 25 colexios de primaria que participan este curso académico no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
O obxectivo desta nova acción, que se estenderá ata finais de mes, é comprobar o desenvolvemento dos distintos proxectos executados nos centros escolares adscritos a esta iniciativa, resolver dúbidas e, no seu caso, prestar asesoramento sobre a forma de corrixir posibles desviacións.
Esta nova actuación ten lugar despois de que, o pasado mes de xaneiro, os monitores de Sogama levasen a cabo senllas xornadas formativas nos distintos colexios a fin de trasladar os coñecementos necesarios vinculados á xestión sostible dos residuos urbanos.
Estas sesións complementáronse coa dotación de distintos materiais didácticos tales como guías para o profesorado, carteis, folletos, presentacións, vídeos e xogos. É o caso do xogo xigante “Un partido polo planeta”, que se atopa circulando polos distintos colexios a fin de que os pequenos poidan poñer a proba os coñecementos adquiridos, pero dunha forma amena e divertida.
TRES ERRES: EIXE DE ACTUACIÓN
Cabe recordar que “Recíclate con Sogama” é un programa educativo que se xestou fai sete anos co obxectivo de instaurar a reciclaxe nas aulas e trasladar ao alumnado as boas prácticas ambientais vinculadas ao principio europeo dos tres erres: Redución, Reutilización e Reciclaxe.
Con esta filosofía de fondo, os colexios participantes levan a cabo os seus propios proxectos, encargándose Sogama de proporcionarlles os medios materiais e pedagóxicos necesarios. É o caso de illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde) e destinados a acoller as distintas fraccións de residuos xa clasificadas en orixe, propiciando así o seu posterior reciclado. Tamén composteiros para aqueles que dispoñan de servizo de comedor, posibilitando desta forma que a materia orgánica xerada poida converterse en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que os centros poderán aplicar nas súas hortas e xardíns.
Adicionalmente, e como complemento aos recursos didácticos proporcionados, Sogama financia o transporte para que escolares e profesores poidan visitar o complexo medioambiental de Cerceda e coñecer en persoa a súa actividade.
COLEXIOS PARTICIPANTES
Pola provincia de Pontevedra:
- CEIP de Conmeniño, en O Grove.
- CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño.
- CEIP Xulio Camba, de Vilanova de Arousa.
- CEIP Plurilingüe Possumus, de Vigo.
- CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, de As Neves.
- CEIP de Rubiáns, de Vilagarcía de Arousa.
- CEIP Plurilingüe Nº2, de Tui
- CEIP Plurilingüe Froebel, de Pontevedra.
Pola provincia da Coruña:
- CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, de Narón.
- CEIP Plurilingüe de Outes, de Serra de Outes.
- CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela
- CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
- CEIP Labarta Pose, de Zas.
- CEIP Martagona, de Melide.
- CEIP Plurilingüe de Artes, de Ribeira.
- CEIP Barrié de La Maza, de Santa Comba.
- CEIP Plurilingüe La Salle, de Santiago de Compostela.
- CEIP de Caión, de Laracha.
Pola provincia de Ourense:
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras
- CEIP Plurilingüe Condesas de Fenosa, de O Barco de Valdeorras
Pola provincia de Lugo:
- CEIP Illa Verde, de Lugo
- CEIP Albeiros, de Lugo
- CPI San Tomé de Carballo, de Taboada
- CEIP de San Cosme, de Barreiros
Saúdos, Departamento de Comunicación