- Baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, iniciarase o próximo 3 de febreiro e contará con 30 horas lectivas.
- Será impartido por dous técnicos de Sogama, a través do PLATEGA, e no mesmo participarán medio cento de docentes de educación infantil e primaria.
- O principal obxectivo desta actividade é que o profesorado tome conciencia da importancia que ten a educación ambiental para transitar cara a unha economía circular na que se prime o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a transformación destes en recursos.
- O curso está conformado por dez temas e cada un deles irá asociado a unha proba de avaliación tipo test a fin de comprobar e medir de forma obxectiva os coñecementos adquiridos polos alumnos/as.
Cerceda, a 28 de enero de 2020.- A partir do próximo 3 de febreiro, e baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, Sogama impartirá, a través do PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia) un curso online dirixido a medio cento de profesores de infantil e primaria dependentes da Xunta de Galicia.
O principal obxectivo deste curso, que contará con 30 lectivas, é que os docentes tomen conciencia da importancia que ten a educación ambiental para transitar cara a unha economía circular na que se prime o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a transformación destes en recursos.
Así mesmo, daranse a coñecer as boas prácticas coas que contribuír a este modelo de desenvolvemento desde a loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade, a xestión racional do lixo e o uso eficiente dos xa escasos e limitados recursos naturais.
Igualmente, exporanse as técnicas, habilidades e estratexias propias do educador ambiental, así como a capacidade de extrapolalas a distintos campos de acción no ámbito académico.
PROGRAMA E AVALIACIÓN
O curso está conformado por un total de 10 temas:
1.- Educación ambiental: bases teóricas e marco lexislativo de referencia.
2.- A figura do educador ambiental: habilidades, aptitudes, funcións, transversalidade e boas prácticas.
3.-Economía circular: desenvolvemento futuro.
4.- Cambio climático: ameazas e plan de acción.
5.- Uso eficiente dos recursos naturais.
6.- Formación ambiental: consumidores conscientes, consecuentes e responsables.
7.- A contribución das ecoescolas ás boas prácticas ambientais e á convivencia harmoniosa coa contorna.
8.- Construíndo unha nova sociedade circular.
9.- Deseño de actividades ambientais e materiais didácticos de referencia.
10.- A educación ambiental no modelo Sogama
Os contidos a impartir serán complementados con materiais divulgativos de apoio e novas de actualidade.
Cada tema irá asociado a unha proba de avaliación tipo test a fin de comprobar e medir de forma obxectiva os coñecementos adquiridos.
Saúdos, Departamento de Comunicación