- Os centros participantes contan xa cos medios materiais e didácticos aportados por esta empresa pública para o correcto desenvolvemento dos seus respectivos proxectos.
- O obxecto destas xornadas non é outro que explicar os conceptos básicos da sostibilidade aplicada a residuos, solventar as dúbidas formuladas e abrir un debate construtivo sobre a problemática que representa a elevada xeración de lixo e como combatela.
- A mediados de curso, levarase a cabo unha nova visita aos colexios e, cara ao mes de maio, efectuarase unha final na que, ademais, realizaranse as caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe.
Cerceda, a 10 de xaneiro de 2020.- Trala dotación de medios materiais (illas de reciclaxe e composteiros) e didácticos (guías, presentacións, vídeos, etc), esta mesma semana comezaron as sesións formativas nos 25 centros escolares que participan no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
A pretensión desta iniciativa, que alcanza xa a 13ª edición, é que a comunidade educativa interiorice a importancia que ten a xestión sostible dos residuos urbanos e que se implique na mesma a través do consumo responsable, a prevención, a reutilización e a reciclaxe.
Con tal fin, os centros participantes contan xa coas denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde) para que docentes e alumnos poidan segregar os residuos producidos e depositalos nestes recipientes para propiciar o seu posterior reciclado.
Así mesmo, aos colexios que contan con servizo de comedor, fíxoselles chegar un composteiro, de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables, para que teñan a oportunidade de elaborar compost a partir dos residuos orgánicos e utilizalo como fertilizante natural na súas hortas e xardíns
PLAN DE ACCIÓN
Tras unha primeira visita a todos os colexios, que tivo lugar antes de Nadal por parte de educadores ao servizo de Sogama a fin de recoller os datos básicos de partida, este mes efectuaranse en todos eles senllas xornadas de formación a fin de explicar os conceptos básicos da sostibilidade aplicada a residuos, explicar as dúbidas formuladas e abrir un debate construtivo sobre a problemática que, nas sociedades modernas, representa a elevada xeración de lixo e como combatela a través das boas prácticas.
Así mesmo, os monitores comprobarán a evolución dos proxectos nos distintos centros e prestarán asesoramento para que poidan dar resposta aos obxectivos previstos.
A mediados de curso terá lugar unha nova visita aos colexios e, cara ao mes de maio, levarase a cabo unha final, que será aproveitada para realizar as caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe e extraer así datos sobre a porcentaxe de impropios e calidade dos materiais depositados nos mesmos.
Esta información incluirase na avaliación final das memorias que cada centro debe presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación