- O Executivo comunitario quere introducir nova lexislación sobre o deseño dos produtos para obrigar ás empresas tecnolóxicas a alongar o ciclo de vida dos mesmos.
- O "dereito para reparar" introducirase nas normas da UE sobre produtos e protección dos consumidores en 2021 e está dirixido de forma preferente ao sector tecnolóxico.
- A outra medida nova que contempla este Plan de Acción para a Economía Circular para o sector electrónico é a posibilidade de poñer en marcha "un sistema a escala da UE para devolver ou revender móbiles fóra de uso, tabletas e cargadores".
Cerceda, a 16 de marzo de 2020.- No marco do novo Plan de Acción para a Economía Circular, presentado en días pasados pola Comisión Europea co fin de reducir a produción de residuos e incrementar a súa reciclaxe, ponse especial atención en combater a obsolescencia programada e consagrar o “dereito para reparar” dos consumidores, combatendo desta forma a obsolescencia programada.
O vicepresidente da Comisión responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, manifestou que "hoxe en día, a nosa economía é sobre todo lineal, xa que só e recupera o 12% de recursos e materiais secundarios, ao que engadiu que “moitos produtos rompen con demasiada facilidade, non poden reutilizarse, repararse nin reciclarse ou se fabrican para un só uso".
Pola súa banda, o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, sinalou que “a maioría dos dispositivos acaban en vertedoiros e teñen un ciclo de vida predeterminado, sendo o noso obxectivo incrementar o ciclo de vida e que estes produtos teñan compoñentes reparables ou recambiables".
Así as cousas, o Executivo comunitario quere introducir nova lexislación sobre o deseño dos produtos para obrigar ás empresas tecnolóxicas a alongar o ciclo de vida. As novas regras abordarán en particular a necesidade de mellorar a duración dos dispositivos electrónicos, así como as posibilidades de reutilización e reparación.
O "dereito para reparar" introducirase nas normas da UE sobre produtos e protección dos consumidores en 2021 e está dirixido de forma preferente ao sector tecnolóxico.
Bruxelas quere ademais xeneralizar o uso de cargadores universais para móbiles, tabletas e portátiles co fin de que cada produto novo non teña que incluír o seu propio cargador.
A outra medida novidosa que contempla este Plan de Acción para a Economía Circular no sector electrónico é a posibilidade de poñer en marcha "un sistema a escala da UE para devolver ou revender móbiles fóra de uso, tabletas e cargadores".
Segundo Bruxelas, aplicar medidas ambiciosas de economía circular permitirá a Europa incrementar o seu PIB nun 0,5% para 2030 e creará ao redor de 700.000 postos de traballo.
Imagen: Pixabay