- O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca na Nova Axenda do Consumidor, integrada á súa vez no Pacto Europeo polo Clima, é garantir que os consumidores dispoñan de produtos sostibles no mercado da UE e teñan mellor información para poder escoller con coñecemento de causa.
Cerceda, a 11 de febreiro de 2021.- No marco da Nova Axenda do Consumidor, a Comisión Europea puxo en marcha un Compromiso de consumo ecolóxico que, á súa vez, se integra no Pacto Europeo polo Clima, iniciativa que convida a persoas, comunidades e organizacións a participar na acción polo clima e a construír unha Europa máis verde.
As empresas que asinan este compromiso deben poñer en marcha os mecanismos necesarios para contribuír a unha recuperación económica sostible e aumentar a confianza dos consumidores no comportamento ambiental das súas organizacións e produtos. O funcionamento dos compromisos de consumo ecolóxico avaliarase dentro dun ano, antes de que se adopten as próximas medidas.
A pretensión desta iniciativa é garantir que os consumidores dispoñan de produtos sostibles no mercado da UE e teñan mellor información para poder escoller con coñecemento de causa. Está conformada por cinco compromisos principais:
- Calcular a pegada de carbono da empresa, incluída a súa cadea de subministración, utilizando a metodoloxía de cálculo, así coma o plan de xestión ambiental aprobados pola Comisión, e establecer procesos axeitados de dilixencia debida para lograr a redución da pegada en consonancia cos obxectivos do Acordo de París.
- Calcular a pegada de carbono de determinados produtos emblemáticos da empresa utilizando a metodoloxía aprobada pola Comisión, lograr determinadas reducións de pegada para os produtos seleccionados e comunicar os avances á poboación en xeral.
- Aumentar a venda de produtos ou servizos sostibles dentro das vendas totais da empresa ou da división empresarial seleccionada.
- Destinar parte do gasto en relacións públicas corporativas ao fomento de prácticas sostibles en consonancia co Pacto Verde Europeo.
- Velar por que a información facilitada aos consumidores en relación coa empresa e a pegada de carbono dos produtos sexa fácil de atopar, exacta e clara, e manter actualizada esta información tras calquera redución ou aumento das pegadas.
Empresas dos sectores non alimentarios e do sector comerciante polo miúdo que vendan produtos alimenticios e non alimenticios (por exemplo, comerciantes polo miúdo de alimentación) interesadas en adherirse ao compromiso ecolóxico poden poñerse en contacto coa Comisión Europea antes de finais de marzo de 2021.
A fase piloto inicial desta iniciativa concluirá en xaneiro de 2022.
Fuente: Comisión Europea
Imagen: Pexels