- Bruxelas utilizará esta información para avaliar se as políticas nacionais e da UE son suficientes para garantir que os contaminadores asuman o custo das medidas de prevención, control e remediación da contaminación
Cerceda, a 25 de maio de 2023.- A Comisión Europea (CE) iniciou unha consulta pública aberta para recabar as opinións dos cidadáns e as partes interesadas sobre a aplicación do principio de “quen contamina, paga” na Unión Europea.
Bruxelas utilizará esta información para avaliar se as políticas nacionais e da UE son suficientes para garantir que os contaminadores asuman o custo das medidas de prevención, control e remediación da contaminación.
O comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, destacou que “o principio de quen contamina paga é xusto e simple: require que os que contaminan asuman o custo da contaminación que causan”, ao que engadiu que “a correcta aplicación deste principio supón un incentivo para evitar danar o medio ambiente e responsabiliza aos contaminadores da limpeza, mentres que, cando non se aplica correctamente, a factura dos danos ambientais causados polos contaminadores acaba sendo pagada con demasiada frecuencia polos cidadáns e pesa sobre os fondos públicos”.
A consulta estará aberta a comentarios ata o próximo 4 de agosto e abarcará cuestións tales como o uso de instrumentos de mercado por parte da UE e os Estados membros, o pago indirecto ao contaminador a través de subvencións prexudiciais para o medio ambiente, a non aplicación do principio no contexto dos fondos da UE, a forma en que se abordan as responsabilidades ambientais e o uso de prezos nas pólizas.
Os resultados da consulta utilizaranse para realizar unha avaliación integral de políticas, tamén coñecida como control de adecuación, en 2024, que servirá para preparar unha recomendación sobre como implementar mellor o principio de «quen contamina, paga» nas políticas ambientais, tal e como se anunciou no Plan de Acción Contaminación Cero da Comisión.
Esta consulta é unha resposta á recomendación do informe do Tribunal de Contas Europeo que concluía que o principio de “quen contamina ,paga” aplícase en diversos graos nas políticas ambientais da UE, cunha cobertura e unha aplicación incompletas.
Fonte: El Periódico da la Energía e Residuos Profesional
Imaxe: Pexels