- Son 27 en total, tanto de primaria como de secundaria e FP básica, e pertencen ás catro provincias galegas
- Nesta primeira toma de contacto, ademais de recabar datos iniciais, tamén se entregaron en cada centro os medios materiais e didácticos necesarios para que poidan levar a cabo os seus respectivos proxectos
- O obxectivo desta iniciativa é implantar a cultura da reciclaxe nas aulas e propiciar que os bos hábitos na xestión sostible dos residuos se extrapolen aos fogares
Cerceda, a 4 de decembro de 2024.- Educadores ao servizo de Sogama completaron a primeira visita de diagnóstico aos 27 centros (de Primaria, Secundaria e Formación Profesional) que este curso académico participan na 13ª edición de “Recíclate con Sogama”, un programa educativo canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e formar ao alumnado na aplicación diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Nesta primeira toma de contacto recompiláronse datos sobre a actual xestión de residuos en cada centro, medios dispoñibles, bagaxe e grao de formación e concienciación en sostibilidade e economía circular. Os docentes coordinadores mostráronse moi entusiasmados co programa, confiando en que poida proporcionarlles as ferramentas necesarias para instruír aos estudantes en reciclaxe e para que as boas prácticas adquiridas sexan trasladadas ao seu ámbito familiar e social, tentando manter a conexión entre escola e fogar de tal forma que, en ambos os dous escenarios, primen os valores de respecto cara ao medio ambiente e a saúde pública.
Tamén se aproveitou a visita para entregar en cada centro as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por catro contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico), con capacidade para 120 litros cada un, nos que a comunidade educativa debe depositar os seus residuos, previamente clasificados por tipoloxías, para que poidan ser reciclados.
A aqueles que dispoñen de xardín e/ou horta, proporcionouselles un composteiro para que poidan elaborar o seu propio abono coa materia orgánica producida no centro; un proceso que lles axudará a descubrir o ciclo da natureza, capaz de converter os residuos en recursos.
Así mesmo, Sogama remitiu a todos os centros, e en formato dixital, material didáctico e divulgativo de apoio, como é o caso de carteis, guías didácticas para o profesorado e presentacións específicas para cada nivel educativo. Con todo, a empresa impartirá, o próximo mes de xaneiro, sesións formativas presenciais para afianzar coñecementos e resolver dúbidas.
Tras 12 cursos académicos en vigor centrado fundamentalmente na educación primaria e, puntualmente, na secundaria, “Recíclate con Sogama” chegou por primeira vez á Formación Profesional Básica. Coa apertura a novos públicos, o programa pretende evolucionar e responder tamén as necesidades e expectativas de moitos mozos e docentes comprometidos coa protección do medio ambiente.
Centros participantes na edición 2024-2025
- 7 na Coruña: CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e IES Ferrol Vello (Ferrol).
- 6 en Lugo: IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES Monte Castelo (Burela), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), IES Río Miño (Rábade) e CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Pilar (Foz).
- 11 en Pontevedra: CPI do Progreso (Catoira), CIFP A Xunqueira (Pontevedra), CPR Salesianos A Mercé (Cambados), IES A Basella (Vilanova de Arousa), CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo), CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis (Vigo), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), IES de Poio (Poio), IES do Barral (Ponteareas) e IES Coruxo (Vigo).
- 4 en Ourense: CPI Terras de Maside (Maside), CEIP Bibei (Viana do Bolo), CEIP Virxe de Guadalupe (Avión) e CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
Saúdos, Departamento de Comunicación