- Ademais de agravar a fame, a perda e o desperdicio de alimentos contribúen ás tres crises planetarias que ameazan o noso futuro colectivo: o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
- Cada ano pérdense ou desperdícianse no mundo 1.300 millóns de toneladas de alimentos, das cales 570 millóns prodúcense nos fogares.
- A compostaxe da materia orgánica, fracción na que se atopan os restos de alimentos non comestibles, pode reducir a dependencia de fertilizantes químicos, axudar a recuperar a fertilidade do solo e mellorar a retención de auga e a chegada de nutrientes ás plantas, ademais de axudar a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Cerceda, a 1 de setembro de 2021.- Tomando como referencia o Índice de desperdicio de alimentos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), cada ano pérdense ou desperdícianse no mundo 1.300 millóns de toneladas de alimentos. Coa fame en aumento, acrecentada pola pandemia, urxe reducir o malgasto de comida.
Segundo datos do estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo 2021, un informe publicado o pasado mes de xullo pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, o Programa Mundial de Alimentos, a Organización Mundial da Saúde e outras axencias da ONU, unha décima parte da poboación mundial, ata 811 millóns de persoas, estaban desnutridas en 2020, alomenos 118 millóns máis que en 2019.
Máis aló de agravar a fame e a inseguridade alimentaria, a perda e o desperdicio de alimentos contribúen ás tres crises planetarias que ameazan o noso futuro colectivo: o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación. E, dado que case 570 millóns de toneladas de perdas e residuos prodúcense nos fogares, a colaboración cidadá resulta fundamental.
As pautas emitidas polo PNUMA e o Instituto de Estratexias Ambientais Globais (IGES) mostran que a práctica da compostaxe é unha das mellores opcións para xestionar os refugallos orgánicos (alimentos non comestibles e outros) e, ao mesmo tempo, reducir os impactos ambientais.
A compostaxe pode reducir a dependencia de fertilizantes químicos, axudar a recuperar a fertilidade do solo e mellorar a retención de auga e a chegada de nutrientes ás plantas, ademais de axudar a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro.
A perda e o desperdicio de alimentos xeran aproximadamente entre o 8% e o 10% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, mentres que o uso da terra e os recursos hídricos exercen unha presión cada vez maior sobre a biodiversidade.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente