- Monitores ao servizo da empresa impartiron charlas e talleres nas dúas escolas unitarias coas que conta esta localidade: Areas e Viñas
- A presenza de pais e nais posibilitou que acompañasen aos pequenos nun proceso de aprendizaxe que non debe quedar unicamente no recinto escolar, senón que debe ter continuidade nos fogares e contorna social
Cerceda, a 2 de decembro de 2024.- Educadores de Sogama desprazáronse ao concello coruñés de Paderne para levar a cabo sesións formativas e talleres nas dúas escolas unitarias coas que conta o municipio, a de Areas e a de Viñas. O obxectivo era que en ambas participasen, ademais de escolares de infantil e primaria e os seus docentes, tamén os pais e as nais, acompañando desta forma aos seus fillos/as nun proceso de aprendizaxe que non debe quedar unicamente no recinto escolar, senón que debe ter continuidade nos fogares e contorna social dos pequenos.
Aínda que, en termos xerais, os asistentes identificaban as distintas tipoloxías de contedor, nalgúns casos dubidaban sobre os materiais a depositar nos mesmos, especialmente no caso do recipiente amarelo, no que unicamente se deben introducir envases de plástico, latas e briks, nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios.
Os monitores de Sogama incidiron no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como a fórmula por excelencia para coidar o medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos, lembrando que, máis aló da separación dos materiais que conforman o lixo para posibilitar a súa posterior transformación en novas materias primas, debe terse moi presente a necesidade de reducir a produción de refugallos e tamén de alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización.
Para poñer a proba os coñecementos adquiridos polos de menor idade, empregouse o xogo da “caixa sensorial de Sogama”, coa que, ademais de reforzar o apreso, nenos e maiores puideron gozar conxuntamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación