- Participaron na mesma docentes de distintos niveis educativos e adscritos á Xunta de Galicia
- En total, xa son 19 os cursos en liña impartidos por Sogama ata o de agora, que dirixiu, non só a docentes, senón tamén a representantes de Concellos e Forzas de Seguridade.
Cerceda, a 3 de abril de 2024.- Conclúe a 13ª edición dos cursos en liña sobre xestión de residuos e educación ambiental que Sogama destinou ao profesorado adscrito á Xunta de Galicia, tanto de infantil como de primaria e secundaria.
O obxectivo da entidade pública é formar a un colectivo estratéxico na transmisión, ás novas xeracións, de boas prácticas ambientais ligadas ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que contribúa á concienciación ao redor da necesidade de xestionar correctamente os residuos producidos cada día; unha medida esencial para avanzar cara á economía circular.
Cunha duración de 30 horas lectivas, esta acción formativa desenvolveuse, do mesmo xeito que as anteriores, a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega), xestionada polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación, adscrito á súa vez á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).
Para poder obter o certificado do curso, os docentes tiveron que superar probas tipos test asociadas a cada un dos dez temas que conformaron o programa didáctico e entregar unha actividade práctica.
Con esta xa son 19 as edicións de cursos en liña impartidos por Sogama e nas que participaron preto dun milleiro de persoas, atopándose entre estas, non só docentes de distintos niveis educativos, senón tamén membros das Forzas de Seguridade, así como alcaldes, concelleiros e técnicos municipais.
Saúdos, Departamento de Comunicación