- Coordinado polo CAFI, contou cun total de 30 horas lectivas, sendo o seu obxectivo que os docentes dispoñan dunha visión global e integral da educación ambiental e que adquiran as capacidades necesarias para adaptar as liñas básicas de acción ás particularidades dos seus centros
- A día de hoxe son xa 17 os cursos en liña impartidos directamente por esta empresa pública, dos cales 9 deles dirixíronse a profesores de distintos niveis educativos.
Cerceda, ao 30 de marzo de 2022.- Hoxe finalizou o curso en liña promovido e impartido por Sogama baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, e dirixido ao profesorado de Infantil, Primaria e ESO adscrito á Xunta.
Coordinado pol CAFI-Centro Autonómico de Formación e Innovación, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contou cun total de 30 horas lectivas nas que se estudaron distintas temáticas que, aínda que centradas todas elas na educación ambiental, focalizáronse desde diversos ámbitos.
O obxectivo é que os docentes dispoñan dunha visión global e integral da mesma e que adquiran as capacidades necesarias para adaptar as liñas básicas de acción ás particularidades dos seus centros, tendo en conta cuestións prioritarias tales como o consumo responsable, consciente e informado, a loita contra o cambio climático desde as boas prácticas, a xestión sostible dos residuos urbanos e os pasos a dar cara á economía circular.
Adicionalmente, compartiuse con eles distintos recursos didácticos, divulgativos e lúdicos de apoio que poden resultarlles de gran utilidade na súa faceta profesional e persoal.
Dous técnicos de Sogama foron os encargados do servizo de titoría, permanecendo en todo momento ao dispor dos participantes para resolver dúbidas, dar resposta ás consultas, dinamizar os contidos e fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias.
A avaliación do curso levouse a cabo a través das distintas probas tipo test asociadas a cada tema impartido e dunha actividade de educación ambiental que os profesores debían elaborar tomando como referencia o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
BALANCE
A día de hoxe xa son 17 os cursos en liña impartidos directamente por esta empresa pública, dos cales 9 deles dirixíronse a profesores de distintos niveis educativos. Os 8 restantes orientáronse a representantes municipais (alcaldes, concelleiros, técnicos, administrativos, etc), así como ás Forzas de Seguridade (Garda Civil e Policía Local), sendo xa preto de 900 as persoas que participaron nos mesmos.
Saúdos, Departamento de Comunicación