- No mesmo participaron máis de medio cento de técnicos e cargos políticos municipais.
- Con 30 horas lectivas, as temáticas abordadas tiveron como eixe central a economía circular e as estratexias educativas enmarcadas na mesma para formar a cidadáns conscientes e responsables.
- Con este xa son 14 os cursos online impartidos por Sogama nos últimos anos, tendo participado nos mesmos públicos de diferentes perfís profesionais.
Cerceda, a 15 de marzo de 2019.- O curso online promovido por Sogama baixo o título “A educación ambiental, unha aposta de futuro” chegou ao seu fin. Con 30 horas lectivas, tivo como destinatarios máis de medio cento de cargos políticos e técnicos de distintos concellos adheridos ao modelo de xestión impulsado por esta entidade pública e interesados en perfeccionar os seus coñecementos no campo educativo, conscientes de que o coidado e a protección da contorna depende en boa medida da colaboración cidadá.
Dous técnicos de Sogama foron os encargados de levar a cabo as tarefas de titoría e dinamización da formación, atendendo de forma permanente ao alumnado nas súas solicitudes e necesidades.
As temáticas a abordar tiveron como eixe principal a economía circular, indagando na historia e marco lexislativo da educación ambiental, perfilando as principais características da figura do educador, enxalzando a importancia de formar a cidadáns conscientes e responsables, e abordando igualmente as técnicas, estratexias e recursos pedagóxicos, ademais do deseño de actividades e materiais didácticos.
O principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) estivo presente de forma permanente, do mesmo xeito que outras problemáticas de gran alcance tales como o cambio climático e o quecemento global, así como os beneficios que, neste sentido, reportan as enerxías renovables para loitar contra o maior desafío ao que debe facer fronte a humanidade.
O curso, impartido a través da plataforma pedagóxica de Sogama “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal), contou cun foro que cada día se ía alimentando con novas de actualidade e de interese vinculadas aos contidos do mesmo.
Con este xa son 14 os cursos online impartidos por Sogama nos últimos anos, tendo participado nos mesmos públicos diferentes tales como persoal dos concellos, profesores, tanto de educación infantil como de primaria e secundaria, e ata membros das Forzas de Seguridade (Policía Local e Garda Civil).
Saúdos, Departamento de Comunicación