- O Director Executivo da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), Hans Bruyninck, destacou nun artigo que, aínda en plena pandemia, e malia o enorme custo económico e social que supuxo, Europa seguiu presentando paquetes de medidas para avanzar cara a un continente que proporcione unha contorna saudable para todos.
- Neste sentido, cualifica como moi oportuno que os líderes europeos anunciasen a semana pasada a Conferencia sobre o Futuro de Europa e convidasen a persoas de todos os recunchos a compartir as súas ideas.
Cerceda, a 19 de maio de 2021.- Nun artigo publicado recentemente polo Director Executivo da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), Hans Bruyninckx, este alude á importancia que a UE dou ao cumprimento dos ambiciosos obxectivos esbozados no Pacto Verde Europeo, configurándose este como unha resposta á crise climática e de biodiversidade a través dunha economía neutra en carbono e sostible de aquí a 2050.
Aínda en plena pandemia, e malia o enorme custo económico e social que supuxo, continuouse presentando paquetes de medidas para avanzar cara á configuración da Europa de 2050: máis sa, máis limpa e máis resiliente, proporcionando unha contorna saudable para todos. É o caso da Estratexia da UE sobre a biodiversidade de aquí a 2030, a Estratexia «Da Granxa á Mesa», o Plan de Acción para a Economía Circular, a Estratexia de Emisións Industriais, a Lei do Clima e o Pacto polo Clima.
A Axencia Europea de Medio Ambiente sustenta estas políticas ofrecendo datos, avaliacións e plataformas de información fiables. O traballo da organización abarca unha ampla variedade de temas e sistemas, como a calidade do aire, os sistemas de mobilidade, as emisións de gases de efecto invernadoiro, os efectos do cambio climático na saúde e a análise dos ecosistemas.
Para Bruyninckx, a cuestión fundamental non é necesariamente saber se os obxectivos son o suficientemente ambiciosos ou temos que facer máis do mesmo, senón que temos que facer doutro xeito para estar seguros de que alcanzamos eses obxectivos.
O Director Executivo da AEMA cualifica como admirable que a Unión Europea e os Estados membros estean coordinados para alcanzar os mesmos retos do Pacto Verde Europeo e sigan avanzando malia a actual crise sanitaria e económica.
Neste contexto, cualifica como moi oportuno que os líderes europeos anunciaran a semana pasada a Conferencia sobre o Futuro de Europa, e convidasen a persoas de todos os recunchos a compartir as súas ideas para contribuír a dar forma á Europa do mañá.
Artigo completo: https://www.eea.europa.eu/es/articles/configuracion-de-a-europa-de
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels