- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, nunha entrevista concedida a Onda Cero Galicia, onde tamén fixo balance da actividade da empresa desde a declaración do estado de alarma e as medidas adoptadas para preservar a saúde dos traballadores e seguir prestando un servizo público esencial.
- Fixo especial fincapé na proliferación de novos residuos como son as máscaras e luvas desbotables e recordou a necesidade de depositalos no contedor verde xenérico, xunto coa fracción resto, para que sexan valorizados enerxeticamente a temperaturas superiores a 850ºC.
Cerceda, 29 de maio de 2020.- “A xestión dos residuos urbanos é unha actividade esencial e, desde que se declarou o estado de alarma debido á pandemia do COVID-19, non só seguimos a traballar as 24 horas do día, senón que o fixemos aínda con máis enerxía para contribuír a aliviar esta situación e evitar que unha ineficaz xestión do lixo puidese incrementar os perversos efectos ambientais e sobre a saúde que trae consigo esta pandemia”. Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, nunha entrevista concedida a Onda Cero Galicia e na que repasou a actividade desenvolvida pola empresa pública durante todo este tempo, dando conta das medidas adoptadas para preservar a saúde dos traballadores e seguir prestando un servizo público á cidadanía nas mellores condicións.
Respecto da lectura que, a través dos residuos, se pode facer sobre o comportamento da poboación durante a etapa de confinamento, Domínguez explicou que, se ben nun primeiro momento baixou a xeración de refugallos nos fogares, o certo é que, xa durante a segunda semana de corentena constatouse un incremento do 13%, e isto malia que a hostalería e a maior parte do comercio botaran a peche.
Comparando os meses de marzo e abril de 2020 co mesmo período de 2019, o aumento na produción de residuos foi de máis do 2%. Así mesmo, tal e como indicou, creceu tamén a contribución dos galegos á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) nun 25,35%, dato que vén a confirmar o gran compromiso co medio ambiente. “Confío en que esta porcentaxe non se quede no confinamento, senón que siga crecendo cando retomemos a normalidade e que a conciencia ambiental non se relaxe, senón que active aínda máis”, precisou o máximo responsable de Sogama.
Fixo tamén especial fincapé na introdución nas nosas vidas de novos residuos tales como máscaras e luvas desbotables e, ao respecto, recordou a necesidade de depositalos no contedor verde xenérico, xunto coa fracción resto, tal e como se contempla nas instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade eo Ministerio para a Transición Ecolóxica. “Estes materiais, xunto coa parte non reciclable, son valorizados enerxeticamente no Complexo Medioambiental de Cerceda a 850ºC e con todas as garantías medioambientais”.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA CON MÁIS DE 5,1 MILLÓNS
Preguntado polos plans da empresa, Domínguez sinalou que os procedementos administrativos quedaron en stand by durante o peor momento da pandemia, pero, a día de hoxe, xa se están retomando e axilizando. Neste sentido, cabe recordar que a empresa xa publicou diversas licitacións de obras e servizos por un importe superior aos 5,1 millóns de euros.
Saúdos, Departamento de Comunicación