- Baixo a máxima “Pensar global, actuar local”, Ángeles Vázquez Mejuto dá a coñecer as prioridades do seu departamento para 2019, cobrando relevancia a loita contra o cambio climático e a transición cara a unha verdadeira economía circular.
- A revista tamén se fai eco da entrada en operación da nova planta de recuperación de materiais de Sogama e da consolidación do tren como medio preferente para o transporte dos residuos urbanos.
- Desde unha dimensión máis social, dá conta das novidades vinculadas aos distintos programas educativos nos que traballa a entidade, destacando “Recíclate con Sogama”.
Cerceda, a 15 de febreiro de 2019.- Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, abre a primeira Newsletter corporativa de Sogama deste ano.
Baixo a máxima de “Pensar global, actuar local”, a máxima responsable deste departamento autonómico incide na importancia que ten a visión do medio ambiente desde unha perspectiva global, así como as accións que, a nivel local, todos podemos levar a cabo de forma responsable e colaborativa para contribuír a un mundo mellor.
Vázquez Mejuto alude a interesantes iniciativas tales como a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que guiará a acción do goberno galego na materia, os investimentos destinados a mellorar a xestión dos residuos na comunidade e a necesidade de intensificar esforzos para propiciar que Galicia deixe atrás o caduco modelo de economía lineal e transite cara a un circular que permita transformar os residuos en recursos.
MÁIS SOSTIBILIDADE INDUSTRIAL
A revista tamén se fai eco de importantes novidades relativas á actividade de Sogama como a entrada en operación da súa nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra, e que supón un importante paso adiante no seu plan empresarial, toda vez que a instalación, equipada con tecnoloxías de última xeración, permitirá á entidade incrementar substancialmente a súa achega á reciclaxe, multiplicando por catro as súas cifras actuais, e diminuír progresivamente o uso do vertedoiro ata chegar, no ano 2020, ao vertido técnico cero.
O tren cobra de novo protagonismo. En novembro de 2018, a compañía conseguiu transportar por ferrocarril o 58,5% dos refugallos, todo un fito que superou ata os escenarios máis optimistas. Consolídase así a firme aposta de Sogama por un medio máis respectuoso co medio ambiente, con menor sinistralidade e que orixina menos molestias cidadás. En definitiva, un medio que contribúe de forma decidida á sostibilidade global da actividade desta empresa pública.
EN CLAVE SOCIAL
Desde unha dimensión máis social, a revista alude ao curso de formación online sobre educación ambiental que, desde o pasado 28 de xaneiro, Sogama dirixe aos concellos co fin de dotar ao seu persoal das ferramentas necesarias para levar a cabo iniciativas educativas orientadas a unha xestión máis sostible dos residuos sen esquecer outras facetas tales como a promoción das enerxías renovables e a loita contra o cambio climático.
As novidades relativas á sétima edición do programa escolar “Recíclate con Sogama”, no que participan 25 centros de primaria de distintos puntos de Galicia, así como novas de interese e curiosidades vinculadas ao desperdicio alimentario, os residuos mariños, o lixo espacial, os microplásticos e os negativos efectos do tabaco para a saúde e o medio ambiente complementan a Newsletter de xaneiro, que culmina cun contundente menú elaborado con sobras de comidas incluído no libro “Saborosa reciclaxe,” promovido polo centro penitenciario de Monterroso (Lugo).
Ligazón News: http://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2019/02/Newsletter37_xaneiro2019.pdf
Saúdos ,Departamento de Comunicación