- Dar preferencia ao transporte público, recoller os residuos despois da xornada de praia, campo ou montaña e depositalos nos contedores correspondentes, evitar o desperdicio alimentario e levar a nosa propia bolsa reutilizable, entre os principais tips
- A empresa pública lembra tamén a necesidade de hidratarse constantemente e de utilizar protección solar
Cerceda, a 11 de xullo de 2023.- Época de desconexión e relax para moitos, parece que no verán todo se vive con máis intensidade. O tempo acompaña, os días son longos e repletos de actividades, os eventos ao aire libre son a tónica habitual, os encontros familiares e con amizades increméntanse exponencialmente e as viaxes multiplícanse.
Pero esta forma de vivir durante os meses estivais, ten a súa cara oculta: a produción de residuos, especialmente nos municipios turísticos, chega a triplicarse, co custo que isto supón a nivel ambiental e económico.
A diversión e o lecer non están rifados co coidado da contorna. Sinxelos xestos axudarannos a reducir a nosa pegada ecolóxica en vacacións e todo o ano.
- Camiñar, bicicleta e transporte público: a triloxía do desprazamento sostible. Mellor en tren que en avión, e mellor en vehículo compartido que individual.
- A praia, o campo e a montaña: os tres destinos máis demandados. En todos eles, prudencia e solidariedade coa contorna. Recolle os teus residuos nunha bolsa e deposítaa nunha papeleira. O mellor: clasifícaos por tipos de material e introdúceos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados. O marrón xa se está incorporando ás rúas. Dálle a benvida e entrégalle os teus restos orgánicos para que poidan converterse en compost.
- Protéxete do sol. Utiliza sombreiros, lentes de sol, sombrillas e opta por un protector solar respectuoso co medio ambiente.
- Hidrátate constantemente. Leva a túa propia botella reutilizable de auga. Descarta as botellas plásticas de usar e tirar.
- Ollo coas racións de comida. Con horarios flexibles e máis tempo dispoñible, recreámonos nos manxares que figuran nas minutas dos restaurantes e pedimos máis da conta. Actúa con mesura, pero se acabas sucumbindo, pide as sobras e lévaas para casa.
- Es ti o anfitrión/na e tócache comprar e cociñar? Elabora unha listaxe da compra, adquire só o necesario, consome produtos locais e de tempada, axusta as cantidades de alimentos ao número de comensais, deixa que se sirvan eles mesmos e, se aínda así sobra comida, bótalle imaxinación e elabora novos menús a partir da mesma ou conxélaa para outra ocasión. Dei non ao desperdicio alimentario.
- Esteas onde esteas, leva a túa propia bolsa reutilizable. Nunca sabes cando a vas a necesitar. Rexeita as bolsas plásticas de usar e tirar, e se é posible, renuncia aos tickets dos comercios en papel. Xa hai moitos establecementos que os remiten por correo electrónico.
Saúdos, Departamento de Comunicación