- Así se desprende dos resultados das caracterizacións realizadas por unha entidade independente no marco do proxecto europeo “Res4VALOR”, no que, ademais de Sogama, participa a USC e a Universidade do Minho (Portugal)
- As bolsas plásticas non biodegradables constitúen o impropio máis frecuente, de aí que Sogama, nas últimas sesións formativas realizadas nos municipios que utilizan os servizos da planta cercedense, incidise na necesidade de utilizar bolsas 100% compostables
Cerceda, ao 18 de maio de 2023.- A calidade da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns implantados nos municipios de Carballo, A Laracha, Cerceda, Santa Comba, Cabana de Bergantiños e Santiago de Compostela, sitúase, como media, no 96%, mantendo os altos estándares de meses atrás.
Así o acreditan os resultados das caracterizacións realizadas recentemente no marco do proxecto europeo Res4VALOR, e por parte dunha entidade independente, da materia orgánica (FORSU) entregada na planta de compostaxe de Sogama en Cerceda (A Coruña) polos seis municipios adscritos á mesma.
Entre os materiais inorgánicos identificados como impropios cabería salientar, na meirande parte dos casos, a presenza de bolsas plásticas non biodegradables. De aí que, durante as sesións formativas impartidas nos concellos, contempladas tamén no programa de actividades do proxecto Res4VALOR, os monitores insistisen na necesidade de utilizar, para o depósito da materia orgánica nos contedores marróns, bolsas 100% compostables. De feito, os asistentes ás charlas foron obsequiados con varios packs de bolsas destas características para que se familiarizasen coas mesmas e tivesen presente a necesidade de utilizalas para que poidan ser compostadas en planta, xunto co resto dos materiais orgánicos.
Sogama anima aos Concellos referenciados a que continúen nesta liña e que, non só velen por manter os actuais estándares de colaboración dos veciños, senón que a reforcen para que se vexa incrementado o material destinado a compostaxe. Desta forma poderase obter a partir do mesmo un compost de alta calidade que cumpra cos requisitos contemplados na normativa vixente para que poida ser utilizado con garantías, e sen restricións, no sector da agricultura e xardinería, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
31 DE DECEMBRO DE 2023: DATA LÍMITE
A Sociedade Galega do Medio Ambiente lembra que a Unión Europea fixou no seu momento o 31 de decembro de 2023 como data límite para a implantación da recollida selectiva da materia orgánica e a súa posterior transformación en compost, polo que considera que os Concellos deben articular as medidas necesarias para cumprir coa lei.
Neste sentido, recomenda tamén que os contedores marróns estean dotados con dispositivos de apertura tales como chave ou tarxeta, xa que con iso mellorará a calidade do material.
Así mesmo, considera que a compostaxe doméstica constitúe unha excelente opción para as zonas máis rurais e dispersas, xa que permite aos usuarios elaborar o seu propio compost e aplicalo no seu terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) pechando desta forma o círculo de aproveitamento da fracción orgánica in situ, circunstancia que contribúe a diminuír as emisións de CO2.
SOBRE O PROXECTO EUROPEO RES4VALOR
Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o obxectivo do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), no que participan, en calidade de socios, Sogama, a USC e a Universidade do Minho (Portugal) é desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Saúdos, Departamento de Comunicación