- O obxectivo é distinguir a aqueles proxectos que representen unha mellora na recuperación dalgún compoñente, material ou fracción procedente dos vehículos ao final da súa vida útil.
- A convocatoria está orientada a organismos públicos de investigación, universidades, centros tecnolóxicos, así como a empresas do sector da recuperación dos vehículos ao final da súa vida útil, e contempla tres premios dotados con 10.000,3.000 e 1.000 euros.
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o 1 de marzo de 2020.
Cerceda, a 17 de decembro de 2019.- SIGRAUTO (A Asociación Española para o tratamento medioambiental dos vehículos fóra de uso) convocou a segunda edición dos Premios á Innovación na Recuperación a fin de distinguir a aqueles proxectos que representen unha mellora na recuperación dalgún compoñente, material ou fracción procedente dos vehículos ao final da súa vida útil.
A Asociación entende que existe unha mellora como tal na recuperación cando se atopa un proceso de tratamento que supoña unha optimización na xerarquía de xestión dos residuos (preparación para a reutilización > reciclado > valorización enerxética > eliminación), é dicir, que faga posible que algún compoñente, material ou fracción que se estaba levando a eliminación pase a ser recuperado, ben mediante preparación para a reutilización, reciclado ou valorización enerxética.
DESTINATARIOS, PRAZO E AVALIACIÓN
A convocatoria está orientada a organismos públicos de investigación, universidades, centros tecnolóxicos, así como a empresas do sector da recuperación dos vehículos ao final da súa vida útil (Centros Autorizados de Tratamento de Vehículos, instalacións de fragmentación ou de post-fragmentación, ou xestores autorizados para algún dos residuos que se xeran no tratamento dos vehículos ao final da súa vida útil).
O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o 1 de marzo de 2020 e a entrega dos Premios terá lugar no transcurso do “IX Encontro Nacional sobre Xestión e Reciclado de Vehículos Fóra de Uso” (previsiblemente o 10 de xuño de 2020) no marco da 7ª edición da Feira Internacional da Recuperación e o Reciclado (SRR).
A avaliación das candidaturas levarase a cabo por un Xurado formado por personalidades de recoñecido prestixio no mundo da reciclaxe, a sostibilidade, a innovación e a comunicación ambiental.
Os tres proxectos mellor valorados polo xurado, recibirán os seguintes premios: 1º Premio, dotado con 10.000 euros; 2º Premio, con 3.000 euros ; e 3º premio, con 1.000 euros.
Máis información en http://www.sigrauto.com/PREMIOS/index.htm
Fonte: www.sigrauto.com
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación