- Está aberto a calquera persoa interesada, sendo libre a temática a abordar, sempre que estea vinculada ao medio ambiente.
- Cada participante poderá aportar un máximo de dúas fotografías, debendo estas ser orixinais e inéditas, e corresponder a calquera lugar de Galicia.
- Establécense dous premios e un especial Top Cervo, co que se recoñecerá a mellor instantánea medioambiental na que se identifique con claridade unha contorna deste municipio.
Cerceda, a 2 de maio de 2019.- O concello de Cervo (Lugo) convocou a novena edición do Concurso Fotográfico de Medio Ambiente “Cervo Respecta”, todo un icono na provincia e resto de Galicia.
Ao mesmo pode concorrer calquera persoa interesada, sendo libre a temática a abordar, sempre que, como é lóxico, estea vinculada ao medio ambiente, esixindo o debido cumprimento do código ético que garanta e mellore a relación dos fotógrafos da natureza.
Cada participante poderá aportar un máximo de dúas fotografías, debendo estas ser orixinais e inéditas, e corresponder a calquera lugar de Galicia.
A presentación das mesmas realizarase en formato dixital (JPEG), en alta calidade (sen compresión) e a unha resolución mínima de 2.048 px, sen límite de tamaño en MB. Deberán ser remitidas, antes do 17 de maio, ao concello de Cervo nun CD e en sobre pechado, acompañadas por unha ficha de autoría que pode ser solicitada previamente na Casa do Concello, a Casa da Cultura ou ben a través do correo electrónico medioambiente@concellodecervo.com.
PREMIOS
Establécense dous premios. O primeiro, dotado cunha cerámica de Sargadelos e un vale de 150 euros a utilizar en establecementos da propia localidade de Cervo; e, o segundo, dotado igualmente cunha cerámica de Sargadelos e un vale económico de 75 euros. Ademais, haberá un premio Top Cervo, co que se recoñecerá a mellor fotografía medioambiental na que se identifique con claridade unha contorna deste municipio. Neste caso, o galardón consiste nun vale de 50 euros.
O xurado estará conformado por tres membros competentes na materia e a entrega de premios efectuarase, como vén sendo habitual, o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, na propia Casa do Concello.
A iniciativa conta coa colaboración de Sogama.
Máis información en cervorespecta.wordpress.com e medioambiente@concellodecervo.com.
Saúdos, Departamento de Comunicación