- Entre os programas aglutinados no mesmo atópase “Recíclate con Sogama”, que ten por obxecto instaurar a xestión sostible dos residuos urbanos nos centros participantes a través do principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe.
- Liderado pola Consellería de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, o Plan Proxecta configúrase como unha importante iniciativa coa que potenciar a innovación educativa e a educación en valores nos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes deste Departamento Autonómico.
- A súa pretensión é precisamente impulsar a realización de proxectos interdisciplinares que poidan servir de modelo de traballo ou boa práctica, tanto para os propios centros nos que se desenvolven como para o resto da comunidade educativa galega.
- O prazo de solicitudes estará aberto ata o próximo 16 de outubro.
Cerceda, a 26 de setembro de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar unha nova edición do Plan Proxecta para o período académico 2019-2020, configurándose como unha importante iniciativa coa que potenciar a innovación educativa e a educación en valores nos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes desta Consellería.
O plan busca avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos centros a través de programas externos, como é o caso de “Recíclate con Sogama”, que promovan a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e profesorado.
Un dos principais obxectivos do Plan Proxecta é precisamente impulsar a realización de proxectos interdisciplinares que poidan servir de modelo de traballo ou boa práctica, tanto para os propios centros nos que se desenvolven como para o resto da comunidade educativa galega. Con tal fin, artículase en torno a tres grandes liñas estratéxicas: o desenvolvemento de competencias clave (comunicación lingüística, competencia matemática ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido de iniciativa e espírito emprendedor, e conciencia e expresións culturais), o desenvolvemento de elementos transversais e a utilización de estratexias metodolóxicas comúns a todos os programas educativos que formen parte do Plan Proxecta.
No caso do programa impulsado por esta empresa pública (Recíclate con Sogama), a súa pretención é instaurar a xestión sostible dos residuos urbanos nos centros escolares, proporcionándolles os medios materiais e didácticos necesarios para traballar en áreas tales como o consumo responsable, a prevención, a redución da produción de lixo, a reutilización e a reciclaxe.
PROCEDEMENTO
O prazo co que contan os centros para presentarse a esta convocatoria conclúe o próximo 16 de outubro. Acto seguido, a comisión de selección avaliará as solicitudes relativas a cada programa, seguindo os criterios que rexen para cada un deles.
Unha vez publicada a resolución final, abrirase un período de 10 días naturais para que os centros que así o consideren poidan trasladar as súas reclamacións ou renuncias. De novo a comisión de selección realizará unha valoración e elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Ao longo do curso académico, a inspección educativa efectuará o seguimento das actuacións desenvolvidas polos centros e a persoa coordinadora de cada proxecto deberá elaborar unha memoria final, a presentar antes do 5 de xullo de 2020, na que dea conta das accións desenvolvidas e que será avaliadada polos responsables de cada un dos programas do Plan Proxecta.
Toda a información en https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
Saúdos, Departamento de Comunicación