- Está dirixida aos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
- O principal obxectivo deste Plan é fomentar a innovación educativa a través do desenvolvemento de competencias clave como eixe do currículum e elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores.
- Un dos programas que conforman esta iniciativa é “Recíclate con Sogama”, cuxa pretensión é instaurar a recollida selectiva de residuos nos centros e traballar o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Cerceda, a 8 de outubro de 2020.- A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocou unha nova edición do Plan Proxecta para o curso académico 2020-2021. Os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos desta Consellería poderán presentar as súas candidaturas aos programas que conforman esta iniciativa, cuxo obxectivo é fomentar a innovación educativa a través do desenvolvemento de competencias clave como eixe do currículum e elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores. Este plan promove a realización de proxectos interdisciplinares que poidan servir de modelo de traballo ou boa práctica, tanto para o propio centro no que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
A situación excepcional orixinada polo COVID-19 evidencia a necesidade dun esforzo común para coordinar e adaptar os recursos educativos e dar así unha resposta efectiva aos retos aos que se enfronta o sistema educativo. A posibilidade de articular un novo paradigma no que coexistan modalidades de actividade lectiva presencial e non presencial reforza a conveniencia de contar con programas de innovación educativa que permitan desenvolver a aprendizaxe en calquera escenario.
O programa “Recíclate con Sogama”, en vigor desde o período académico 2012-2013, continúa formando parte do Plan Proxecta coa pretensión de instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar aos pequenos nas boas prácticas ambientais vinculadas á correcta xestión do lixo: redución, reutilización e reciclaxe. Orientarase a 25 centros de primaria de toda Galicia, que deben desenvolver os seus propios proxectos na materia, encargándose Sogama de proporcionar os medios, tanto materiais como didácticos.
SELECCIÓN DE CENTROS E PRAZOS
O prazo para que os centros poidan presentar as súas candidaturas aos distintos programas incluídos no Plan Proxecta concluirá o próximo 23 de outubro. Unha comisión de selección avaliará as solicitudes en función dos criterios establecidos polos responsables de cada programa. Unha vez culminado este proceso, publicarase a resolución provisional dos seleccionados e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os centros poidan efectuar reclamacións ou renuncias dirixidas á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional. Unha vez resolto este trámite, adoptarase a resolución definitiva.
O docente que exercerá os labores de coordinación en cada centro participante elaborará no seu momento unha memoria final do traballo executado, que deberá presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta antes do 7 de xullo de 2021. A valoración positiva desta memoria será condición indispensable para conseguir a certificación de innovación educativa por parte do profesorado participante.
Máis información en:
https://www.edu.xunta.gal/portal/é/planproxecta
Convocatoria Plan Proxecta 2020-2021: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_plan_proxecta_2020_21.pdf
Ficha programa “Recíclate con Sogama” http://www.edu.xunta.gal/portal/node/6220