- Con este concurso preténdese estimular o interese dos pequenos pola reciclaxe e as súas bondades para o medio ambiente e a calidade de vida da poboación
- Premiaranse, cunha dotación económica de 1.300, 1.000 e 700 euros, os mellores carteis sobre reciclaxe elaborados polos 24 centros educativos que participan neste programa
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 25 de abril
Cerceda, a 18 de marzo de 2022.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade lanzaron conxuntamente unha nova convocatoria dos premios escolares correspondentes ao programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Con este concurso preténdese estimular o interese dos pequenos pola reciclaxe e as súas bondades para o medio ambiente e a calidade de vida da poboación. Para isto, premiaranse os mellores carteis sobre reciclaxe elaborados polos centros educativos (24 en total) que participan na actual edición deste programa.
DINÁMICA
Cada colexio só poderá estar representado por un único cartel. Este debe levar un título, así como un pequeno texto descritivo no que se deixe constancia da mensaxe.
Un xurado, conformado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira Lema, e dous vogais (un de Sogama e outro da Consellería de Cultura, Educación e Universidade), será o encargado de valorar os traballos. Os criterios a seguir terán en conta a calidade do cartel, a creatividade e orixinalidade, a claridade na redacción do texto para facilitar a súa comprensión, así como o impacto positivo do traballo e a súa contribución á concienciación da cidadanía sobre a importancia de separar os refugallos en orixe e depositalos no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado.
Establécense tres premios: o primeiro, dotado con 1.300 euros; o segundo, con 1.000 euros, e o terceiro, con 700 euros. En todos os casos, estas contías económicas deberán ser investidas en material didáctico ou accións educativas para cada centro.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 25 de abril.
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
Trátase dun programa educativo orientado a formar aos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos a través da estratexia europea dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Cada un dos centros participantes deben desenvolver os seus propios proxectos e, con tal fin, Sogama subministroulles os medios materiais e didácticos necesarios. Entre os primeiros destacan as denominadas illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores (amarelo, azul e verde), con capacidade para 120 litros, nos que a comunidade educativa debe depositar os residuos, previamente separados por tipoloxías.
Así mesmo, aos colexios que contan con servizo de comedor ou ben que xeran unha cantidade substancial de materia orgánica, entregóuselles un composteiro, con capacidade para 400 litros, para a elaboración de compost, un fertilizante natural.
Respecto dos medios didácticos, cabería sinalar diversos vídeos, titoriais para o profesorado, xogos, tanto físicos como en liña, presentacións, etc.
Non obstante, e co obxectivo de complementar e reforzar os coñecementos dos escolares, educadores de Sogama desprazáronse polos distintos centros para impartir sesións formativas e resolver as dúbidas trasladadas polos propios alumnos e profesores.
Sogama efectúa un seguimento pormenorizado das distintas accións implantadas polos colexios, aos que visita periodicamente para comprobar in situ a evolución dos seus proxectos. Unha das últimas visitas será aproveitada para realizar caracterizacións dos contedores que integran as illas de reciclaxe e poder así cuantificar os materiais propios e impropios depositados nos mesmos; un factor de peso na avaliación final do traballo de cada centro.
Finalmente, os 24 colexios participantes deben presentar, a través da aplicación informática do Plan Proxecta, unha memoria de actividades.
Saúdos, Departamento de Comunicación