- Os galardóns recoñecen produtos e innovacións na reciclaxe de plásticos en sectores tales como a automoción, a construción, a electrónica ou o lecer
- O prazo de inscrición finaliza o 8 de decembro de 2023
Cerceda, a 5 de outubro de 2023.- Xa está aberto o prazo de inscrición para os Plastics Recycling Awards Europe 2024. Organizados conxuntamente por Plastics Recyclers Europe e Crain Communications, están dirixidos a marcas, fabricantes, retallistas, deseñadores de produtos, produtores e deseñadores de envases, provedores de materias primas, fabricantes de máquinas de reciclaxe de plásticos e provedores de produtos de plástico reciclado de toda a cadea de valor.
A convocatoria contempla sete categorías de premios que cobren áreas crave da innovación na reciclaxe de plásticos e as principais aplicacións de mercado para o uso circular deste material:
- Produto de automoción, eléctrico ou electrónico.
- Produtos para a construción.
- Produtos para o fogar e o lecer.
- Produto de envasado de plástico.
- Innovación en tecnoloxía de produtos.
- Innovación en maquinaria de reciclaxe.
- Embaixador da Reciclaxe de Plásticos.
Para optar a un premio, as candidaturas deben cumprir unha serie de requisitos: que os produtos e as innovacións estean deseñados, desenvolvidos ou fabricados en Europa; que os produtos teñan un mínimo do 50% de contido reciclado; e que todas as candidaturas promovan a sostibilidade e a economía circular.
O prazo de inscrición finaliza o venres 8 de decembro de 2023.
Ton Emans, presidente de Plastics Recyclers Europe (PRE), manifestou que “na súa sétima edición, os Premios Europeos da Reciclaxe de Plásticos son a referencia europea para o recoñecemento da innovación no uso circular dos mesmos”, ao que engadiu que “desde a primeira edición dos premios, asistimos a un progreso extraordinario na evolución da tecnoloxía e as aplicacións da reciclaxe de plásticos. Agardamos que os premios motiven aos actores da industria para impulsar aínda máis o uso de plásticos reciclados e acelerar a consecución dos obxectivos de reciclaxe”.
Os gañadores anunciaranse o segundo día da feira Plastics Recycling Show Europe, que se celebrará no RAI de Ámsterdam os días 19 e 20 de xuño de 2024. Matt Barber, director global de Eventos de Crain Communications, indicou que “gañar un Plastics Recycling Award Europe é un fito de sostibilidade para calquera marca e agardamos unha competencia aínda maior entre os participantes deste ano”.
Máis información en https://www.prseventeurope.com/prse2024/en/page/home
Fonte e imaxe: Plastics Recycling Awards Europe