- O prazo para a presentación dos traballos finaliza o próximo 23 de maio, e os interesados deben enviar as súas instantáneas (un máximo de dúas), inéditas e orixinais de calquera lugar de Galicia, ao correo medioambiente@concellodecervo.com
- Establécense tres premios que estarán dotados cunha cerámica de Sargadelos. O fallo do xurado farase público o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente
Cerceda, a 10 de maio de 2023.- O Concello de Cervo (Lugo) convocou a XIII edición do concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2023”, contando, un ano máis, coa colaboración de Sogama.
Os interesados poderán presentar a súa candidatura cun máximo de dúas fotografías ambientais, inéditas e orixinais, de calquera lugar de Galicia. En todo caso, deben ser instantáneas de natureza viva e que sirvan como exemplo de conservación da contorna.
Débense achegar en soporte dixital (JPEG), en alta calidade e a unha resolución mínima de 2.048 px, sen limitación de tamaño en MB e remitirse, antes do próximo 23 de maio, ás 23:59 horas, a través do correo medioambiente@concellodecervo.com
O concurso establece tres premios que estarán dotados con figuras de cerámica de Sargadelos: un primeiro, un segundo e o “Top Cervo” á mellor fotografía na que se identifique con claridade algunha paraxe deste municipio.
O fallo do xurado, conformado por tres membros competentes na materia, farase público o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
Fonte e imaxe: Concello de Cervo