- A través do mesmo convídase a reflexionar sobre os actuais estilos de vida, tanto sostibles como insostibles
- A convocatoria estará aberta ata o próximo 3 de outubro e os gañadores anunciaranse o 10 de novembro
- Os participantes poderán presentar as súas instantáneas a catro categorías e o gañador de cada unha delas recibirá un premio en metálico de 1.000 euros
Cerceda, a 14 de xullo de 2023.- A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) lanzou unha nova edición do concurso fotográfico ' ZeroWaste PIX', a través do cal convida a reflexionar sobre os estilos de vida modernos, capturando patróns, hábitos e comportamentos, tanto sostibles como insostibles.
Os actuais sistemas de produción e consumo levaron a unha maior contaminación e a unha extracción incesante de recursos, degradando a nosa natureza e provocando a perda de biodiversidade. Como consumidores, gozamos de numerosas comodidades e beneficios, pero tamén sabemos que isto ten un custo enorme para o medio ambiente e, cada vez máis, para nosa propia saúde e benestar.
O obxectivo desta iniciativa é crear conciencia e inspirar o cambio, transmitido a través de imaxes, xa sexan de fábricas, vertedoiros ou un xardín comunitario que une ás persoas ao redor dun sentido de propósito compartido.
Requisitos e procedemento
Os aspirantes deben ter alomenos 18 anos e ser cidadáns dun dos 32 países membros do EEE ou seis países cooperantes, incluídos os 27 Estados membros da UE, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Suíza, Turquía, Albania, Bosnia e Herzegovina, Kósovo*, Montenegro, Macedonia do Norte e Serbia.
Así mesmo, poden presentar as súas instantáneas a catro categorías: Circular e intelixente; Estilos de vida ecolóxicos; Produción derrochadora; Teima de consumo. O prazo concluirá o próximo 3 de outubro e os gañadores anunciaranse o 10 de novembro.
As mellores instantáneas de cada categoría serán elixidas por un comité de preselección formado por expertos en comunicación e medio ambiente designados pola AEMA. A continuación, as fotos finalistas enviaranse a un xurado externo composto por expertos en comunicación ambiental de toda Europa, quen determinará os gañadores de todos os premios, excepto o de Elección do Público. Neste último caso, as obras finalistas presentadas polo comité de preselección estarán abertas a votación pública do 24 de outubro ao 7 de novembro de 2023.
Premios
O gañador de cada categoría recibirá un galardón en metálico de 1.000 euros. Outórganse premios adicionais á mellor instantánea xuvenil , así como á foto favorita do público, determinada por unha votación en liña.
Máis información en: https://www.eea.europa.eu/en/newsroom/photo-competitions/zerowaste-2023-photo-competition
Fonte e imaxe: AEMA