
- A pretensión deste concurso é promover o interese do alumnado na reciclaxe e que, a través dun cartel, difunda os seus beneficios para a protección do medio ambiente e a saúde
- Establécense dúas categorías de galardóns: un para Primaria e outro para Secundaria e FP, estando dotados en ambos os dous casos cunha achega económica de 1.500 euros, que debe ser investida polos centros gañadores en material e/ou accións educativas
- O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o próximo 31 de marzo
Cerceda, a 27 de febreiro de 2025.- Sogama e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convocan conxuntamente unha nova edición dos premios aos mellores carteis de reciclaxe elaborados polos centros de primaria, secundaria e FP que este curso académico participan no programa “Recíclache con Sogama” 2024-2025, cuxo obxecto é fomentar a recollida selectiva de residuos nas aulas e propiciar que as boas prácticas se trasladen aos fogares.
A pretensión deste concurso é precisamente promover o interese do alumnado pola reciclaxe dos residuos municipais e que, a través dun cartel no que dean renda solta á súa creatividade, expresión e dotes artísticas, difundan os seus beneficios para a protección do medio ambiente e a saúde.
Dado que nesta edición participan centros de distintos niveis educativos, establécense dúas categorías de galardóns: un para Primaria e outro para Secundaria e FP, ademais dun accésit en cada caso. Cada centro elixirá un único cartel que o represente, e no mesmo debe figurar un título, unha ilustración e un pequeno texto (que non supere as 150 palabras) no que se describa a mensaxe, que estará orientada a impactar positivamente na poboación e axudar a concienciala na importancia de separar en orixe os residuos por tipoloxías e introducilos nos contedores correspondentes para posibilitar o seu posterior reciclado.
O centro gañador de cada categoría (Educación Primaria e Educación Secundaria/FP) recibirá de Sogama unha dotación económica de 1.500 euros, importe que debe ser investido en material e/ou accións educativas, así como un diploma acreditativo. Tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que, sen resultar gañadores, destaquen polos seus traballos, sendo recoñecidos cun diploma.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 31 de marzo.
Centros participantes en Recíclate con Sogama 24-25
• 7 na Coruña: CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e IES Ferrol Vello (Ferrol).
• 6 en Lugo: IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES Monte Castelo (Burela), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), IES Río Miño (Rábade) e CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Pilar (Foz).
• 10 en Pontevedra: CPI do Progreso (Catoira), CIFP A Xunqueira (Pontevedra), CPR Salesianos A Mercé (Cambados), IES A Basella (Vilanova de Arousa), CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo), CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis (Vigo), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), IES de Poio (Poio), IES do Barral (Ponteareas) e IES Coruxo (Vigo).
• 4 en Ourense: CPI Terras de Maside (Maside), CEIP Bibei (Viana do Bolo), CEIP Virxe de Guadalupe (Avión) e CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
Saúdos, Departamento de Comunicación